O Ceip Lagostelle de Guitiriz gaña o certame de carteis da Xunta polo 8-M

A vintena de alumnos de primeiro de primaria usou as súas mans e os seus corpos no deseño da obra premiada 
Alumnado de primeiro de primaria do Ceip Lagostelle, co seu 'Oscar'. EP
photo_camera Alumnado de primeiro de primaria do Ceip Lagostelle, co seu 'Oscar'. EP

O alumnado de 1º de primaria do Ceip Lagostelle de Guitiriz vén de facerse co primeiro premio, na categoría que abrangue Infantil e de 1º a 4º de Primaria, do concurso escolar de deseño de carteis organizado pola Xunta co gallo da celebración do 8-M.

O proceso de creación da obra dividiuse en dúas partes, segundo explica Lucía Gómez, profesora de Audición e Linguaxe do centro, e enmárcase dentro dunha iniciativa máis ampla para traballar o concepto de igualdade entre as primeiras idades.

Por unha banda, quíxose implicar á vintena de alumnos do curso, polo que se optou porque fosen eles os que construísen o 8-M cos seus corpos, tendidos no patio, unha imaxe que se captou cun dron. "Traballouse como se fose unha produción audiovisual", di Lucía, que indica que ata se organizou una pequena gala na que os actores e actrices recolleron un Oscar en recoñecemento á súa participación. Ademais, dentro das actividades polo Día Internacional da Muller do colexio está previsto presentar o vídeo que recolla todo este proceso de creación.

"Fixéronse sesións na clase para traballar a igualdade", explica a mestra, que detalla que, por outro lado, se construíu o fondo do cartel, tamén coa implicación de todo o alumnado, que usou as súas mans para darlle forma, en consonancia co lema elixido: A igualdade está na túa man.

Cartel premiado. CEIP LAGOSTELLE
Cartel premiado. CEIP LAGOSTELLE

 

Primeiro foi o único curso que concorreu ao certame, unha elección que non foi casual. O seu titor, Rubén Iglesias, forma partedo programa do plan Proxecta Donas de si, do que Lucía Gómez é coordinadora. Contaron ademais coa axuda da profesora de Pedagoxía Terapéutica, Ángela Vidal.

"Cremos que é moi importante traballar a igualdade, que é o que nos permite ofrecer as mesmas oportunidades, condicións, forma de tratar, etc. para garantir os mesmos dereitos a todas e a todos, non só no 8-M, senón cada día", precisa Lucía, mentres que Rubén apunta que optaron por este tipo de traballo para que os escolares, que quizais aínda non entenden o concepto de igualdade no sentido máis abstracto, vivisen a aprendizaxe, "por iso a relevancia de usar os seus corpos, as súas mans... e en xeral de vivir esa igualdade e practicala... de aí tamén o lema", indica o titor.

O certame autonómico, que contou coa participación de 57 centros, dividíase en tres categorías, dende infantil ata 2º BAC e graos. Nel tamén resultaron premiados traballos do Ceip de Marcón (Pontevedra), do CPR Agarimo de Arteixo (A Coruña), do CEP Doutor Fleming (Vigo), do IES Ribeira do Louro e do IES Val do Asma de Chantada, que gañou un segundo premio co Somos e estamos, dunha da aulas de 1º de Bacharelato.

Comentarios