A cegoña branca, da familia dende hai dúas décadas

Uns veciños da Chaira convidaron ás cegoñas a aniñar nun carballo hai 20 anos e os animais aceptaron. Agora, as aves son da casa para eles
En Bazar, en Castro de Rei, as cegoñas teñen un dos seus santuarios. XESÚS PONTE
photo_camera En Bazar, en Castro de Rei, as cegoñas teñen un dos seus santuarios. XESÚS PONTE

Cada ano, Amparo García anota no caderno dúas datas distintas. A última foi o 22 de decembro de 2020, o día en que chegaron as cegoñas brancas que dende hai 15 anos aniñan na súa horta. A outra será en agosto, o día en que erixan de novo o seu voo na viaxe que as levará ao seu lugar de invernada probablemente nalgún punto do sur da Península, e que será máis longa para os seus polos, que continuarán polo Estreito e o deserto do Sáhara até, quen sabe, o Sahel ou os vales do Nilo ou do Rift. Si, realmente ese arco no ceo entre Fontesalgueira, en Cospeito, e algún lugar no corazón de África, ou a exacta memoria das aves atravesada por centos de quilómetros, merece anotación. E xúbilo.

As cegoñas xa son como da familia para Amparo e para o seu home, Enrique Rivadulla, os dous oriúndos da Coruña e que tamén, coma aves migrantes, atoparon o seu niño na Terra Chá a finais dos 70. Porén, pódese dicir que as cegoñas xa son familia na provincia, onde hoxe Óscar Rivas, presidente da rede estatal de Custodia do Territorio, da Sociedade Galega de Ornitoloxía e integrante do grupo ornitolóxico Numenius, estima a existencia de entre 700 e 900 niños, repartidos na comarca chairega, entre Lugo e Sarria e nos vales de Lemos e Neira de Rei.

A ninguén sorprende xa ver por aquí estas aves que tradicionalmente anunciaban a primavera. Sen embargo, Amparo si se abraiou cando viu por primeira vez un niño na comarca. Foi ao pé do Támega, hai 20 anos. Nese momento, decidiuse a demoucar un carballo da finca, coa intención de convidalas a aniñar nel e ter preto de si esa beleza. "Pero como che van parar aquí as cegoñas!", dicíanlle os veciños. Aos dous anos, as aves erixían alí a arquitectura de mofo e pólas que pode chegar á media tonelada. "Anovan o niño constantemente, é unha marabilla. Nós axudamos espallando algunha póla", comenta.

Ao comezo, a súa presenza foi unha atracción para os veciños. Pero non é que as cegoñas fosen novas na casa. A especie xa tivera presenza en Galicia, como mostran rexistros dos 60, antes do momento crítico da súa regresión nos 70, tanto en España como a nivel europeo, e que provocou a súa inclusión na lista de aves ameazadas. A recuperación actual, porén, superou o nivel de poboación de entón. Óscar Rivas descarta certa idea, algo estendida, de que as cegoñas crecesen de maneira descontrolada nos últimos tempos. "Trátase dun crecemento continuado dende os 90", comenta. Iso tampouco significa que a especie vaia crecer sempre. "Cando o territorio se satura, o crecemento sostense e a especie deixa de medrar", explica. Pon como exemplo a provincia de Cáceres, onde o último censo da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) situou case 6.000 niños no 2004, sen que dende entón a especie crecese tanto alí como noutras zonas no norte.

NOVOS HÁBITOS. Estas aves brancas de ás negras e iridiscentes, que nas lendas levaban bebés dun lado a outro no seu longo bico vermello, son unha excepción ao declive que sofren as aves a nivel mundial e na provincia, provocada en gran parte pola perda de hábitats agrarios tradicionais. A especie beneficiouse dos cultivos intensificados de forraxeiras, onde atopan con facilidade ratos e toupas, e da proliferación de vertedoiros nos anos 90 —a primeira colonia na provincia situouse precisamente no de Teixeiro—. O cambio climático tamén puido afectar o seu ciclo, e unha gran parte da poboación xa pasa o inverno na Península. Ora ben, Rivas alerta de que as prácticas que fixeron que as poboacións medrasen poderían, en calquera momento, reverter o seu crecemento, en parte pola acumulación de produtos fitosanitarios, cuestión que Numenius estuda en colaboración coa Universidade de Extremadura.

O grupo tamén visitou hai anos a finca de Amparo e Enrique, para anelar á parella e ás crías. "Por iso soubemos que un dos polos migrara a Francia", conta ela entusiasmada ante eses camiños do ceo que pasan pola súa horta. "É tamén espectacular velas marchar, porque veñen buscalas outras cegoñas, que nese día voan dun xeito especial", indica Amparo. Para anotalo no calendario inda falta tempo. Agora, as aves están ben ocupadas en aquecer o seu niño ou, talvez, xa en dar de comer aos seus polos e, de paso, alimentar o espírito dos seus veciños.

Aumento das poboacións
O último estudo de poboación realizado en Lugo no 2004, como parte dun censo estatal da SEO, cifrou o número de niños en 300, que agora poden situarse entre 700 e 900.

Ciclo de vida. As cegoñas son monógamas, e manteñen unha única parella durante toda a vida.Poden vivir entre 16 e 25 anos, e acostuman poñer entre dous e catro ovos en cada posta.

Terra Chá. O colectivo ornitolóxico Numenius, adicado á protección das aves da Terra Chá, realizou un censo exhaustivo na comarca no 2017 co que se rexistraron 200 niños. Tamén fixeron alí traballos de anelamento.

Comentarios