Cecilia Fernández Santomé lanza a súa segunda novela

A escritora vilalbesa, tras o éxito da súa ópera prima, 'Quérote. Eu tampouco', repite con Xerais e publica 'Unha rapaza de provincia'
Cecilia Fernández Santomé. EP
photo_camera Cecilia Fernández Santomé. EP

A escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé acaba de publicar a súa segunda novela, Unha rapaza de provincia, unha obra breve que fala dos cambios de vida dende "unha historia particular pero con tintes universais".

"É a historia de Carmen, unha muller nova nada nunha aldea galega que vai pasar un verán a Barcelona, onde a agardan a súa irmá e o seu cuñado, pero alonxada dos clixés clásicos da emigración galega ou dos perfís habituais", resume a autora, que fala dun "personaxe atípico".

"Non é unha muller cun horizonte limitado, é unha universitaria que está de paso. E eses meses van servirlle para que coñeza unha realidade moi viva, para ter un continuo aprendizaxe, unha descuberta deslumbrante, pero tamén para afrontar outra realidade, a das humillacións cotiás no traballo, baixar a cabeza...", resume Cecilia, que a través das súas páxinas viaxa á Barcelona de 1979.

Tras o éxito da súa ópera prima, Quérote. Eu tampouco, Cecilia repite con Xerais para publicar o seu segundo libro. "Para os que leron Quérote... pode sorprender un pouco o tono. A primeira era unha novela de literatura milenial e esta é máis costumista, máis tradicional na maneira de escribir, pero ambas teñen cousas en común: fala das identidades, da construción dunha persoa nun ambiente hostil... hai un fío conductor", di a autora, que asegura que o cambio de rexistro responde unicamente ao seu interese por experimentar.

"Publicar a segunda novela impón bastante. Na primeira as expectativas son as que eu mesma me marco, pero na segunda hai xente que xa me coñece, que pode sentirse reconfortada ou non tan satisfeita. É un proceso bonito ver a resposta da xente pero sempre hai presión", explica a escritora vilalbesa, que asegura que vivir da literatura é case unha utopía, "unha posibilidade moi remota".

Pese a iso, recoñece que xa está recibindo respostas positivas dos primeiros lectores (a obra publicouse o pasado mes de outubro) e xa pensa en futuros traballos. "Unha rapaza de provincia en realidade é máis antiga que Quérote... Escribina entre 2018 e 2019, xusto antes de que se publicase a miña primeira novela. Agora teño outra no caixón, que non sei se sairá ou non. Pero en mente xa estou dándolle forma a outra idea que vai ir por outro lado, pero sempre mantendo unha conexión", avanza a autora, que compatibiliza a escrita co seu traballo como libreira en Lugo.

"Ocasionalmente fago traducións, edicións de textos... proxectos paralelos", di unha creadora de 37 anos que tamén probou cunha revista, Coolt, que se deixou de editar en 2018. "O mellor de escribir é darlle forma ás historias e crear universos nos que outro se sinta acollido", di.

Comentarios