O Castro de Viladonga celebra as Letras Galegas e o Día e a Noite dos Museos

Haberá música, xogos tradicionais e espectáculos para todas as idades ao longo de tres xornadas
Museo do Castro de Viladonga. EP
photo_camera Museo do Castro de Viladonga. EP

O Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, conmemora a vindeira semana a celebración do Día das Letras Galegas, así coma as do Día Internacional dos Museos e a Noite dos Museos, cun amplo programa de actividades gratuítas para todas as idades.

O martes 17, a xornalista chairega Tania Fernández Lombao tomará a palabra para protagonizar unha lectura dramatizada na que estará acompañada do cuarteto de música tradicional Leña Verde de Pol.

Ao día seguinte, o  mércores 18, as vellas estruturas do xacemento encheranse de cor, música e danza da man de Cal y Canto Teatro e o seu espectáculo El jardín del viento, fixado para as 11.30 horas. Aberto ao público en xeral, a función contará coa asistencia de máis de 250 escolares de distintos centros educativos.

O broche de ouro ás celebracións será o sábado 21 pola tarde. A partir das 17.30 horas, quen queira poderá probar a súa habilidade con distintos xogos tradicionais da man de Xotramu ou gozar da animación do grupo de música tradicional Os Valuros de Castro de Rei. 

A escola de baile Oxeito ofrecerá o espectáculo de baile e música Verbena Galega D'antes, ambientado nos anos 40 e 50, ao redor das 19.30 e, unha hora máis tarde, os sons viaxarán aínda máis no tempo, ata a época barroca, grazas ao concerto de ofrecerá a formación Afecto y Desdén. A partir das 21.00 horas, como é costume, celebrarase a fin de festa cuns petiscos e unha queimada.

O Museo do Castro de Viladonga, que depende da Consellería de Cultura, conta co apoio da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga e do Concello de Castro de Rei.

Comentarios