Castro de Rei enxalza a Crecente Vega no 125 aniversario do seu nacemento

Nun acto emotivo presentouse un libro que recolle poesía inédita do poeta chairego e a Xunta anunciou que Baiuca, Mero, Mj Pérez e Eladio y los Seres Queridos musicarán varios poemas
Autoridades e membros da comisión Xosé Crecente Vega, baixo o carballo de Luxís. C.ARIAS
photo_camera Autoridades e membros da comisión Xosé Crecente Vega, baixo o carballo de Luxís. C.ARIAS

É un carballo avó, de centos de anos,
abrigo e honor da casa de Luxís.
É un dos millor feitos e máis sanos/e máis grandes que medran no país.
Non o abrazan tres homes.Unhas canas/largas e gordas coma troncos ten.
Ben se lle ve que enraizou con ganas/de chegar algún día a ser alguén!
Do sol non pode nin sequera un fío/romper aquela folla tan tupida./Á súa sombra non se sinte o estío.
O seu frescor é un frescor de vida

No 125 aniversario do seu nacemento, Castro de Rei homenaxeou a Xosé Crecente Vega (Ponte de Outeiro, 3 de xuño de 1896-Segovia, 21 de marzo de 1948) e, baixo esa mesma árbore á que el lle cantaba, o enorme carballo de Luxís, presentaron O mundo nun puño de remol.

O libro, editado por Espiral Maior, co mimo de Ricardo Polín e co deseño gráfico de Pepe Barro, recompila obra inédita do poeta chairego, que unicamente publicou en vida Codeseira, en 1933.

Nun pequeno pero sentido acto, os seus versos envolvéronse entre as ramas, a súa poesía correu polas pólas e o eco da súa voz mesturouse entre as follas, recitada e convertida en canción baixo ese gran xigante que trascende o paso do tempo, tan igual hoxe como cando Crecente Vega o debuxaba coas súas letras:

É coma un aristócrata: arrogante
É coma un héroe mítico: impoñente.

E mentres pasado e presente camiñaban da man, familiares, estudosos da súa obra e moitas e diversas personalidades da cultura uníronse para enxalzar a súa obra e a súa figura coa intención de mirar cara a adiante e apostar polo futuro.

Valentín García, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, falou da importancia de levar os versos da cotidianiedade e das paisaxes costumistas á modernidade e anunciou que catro músicos e agrupacións galegas relevantes gravarán senllos videoclips musicando os poemas de Crecente Vega, "un dos grandes de Galicia" para poñer a súa poesía "no lugar que merece".

Serán Baiuca, Mero, Mj Pérez e Eladio, de Eladio y los Seres Queridos, que onte xa puxo voz a un dos poemas do poeta de Castro de Rei, e os traballos lanzaranse a internet para "conectar coa xuventude, conectar co futuro" dentro dunha aposta por novas accións que nacen coa intención de ter continuidade.

Dende a comisión Xosé Crecente Vega (formada polo arquitecto Mario Crecente, bisobriño do sacerdote, profesor e poeta de Ponte de Outeiro, o arqueólogo Felipe Arias, a exmestra Regina Polín e o párroco Félix Villares) e dende o Concello de Castro de Rei reinvindicouse, unha vez máis, que se lle adique un Día das Letras Galegas a un autor "pioneiro" e "transgresor" que puido ser o primeiro en publicar en galego despois da guerra (posición que acadou o seu colega, Aquilino Iglesia Alvariño, dende Abadín, con Cómaros verdes) de non ser por vivir na diáspora ou a súa propia enfermidade e que se converteu na "viva voz do campo galego".

"O que queremos é poñer de manifesto o compromiso que tivo Crecente Vega coa lingua galega e que se lle poña o impulso que ten que ter á súa obra", expresou o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, que concluíu cunha petición e un desexo: "Que este acto sexa o remol que aviva a obra de Crecente Vega e que ese remol permita que se lle poida adicar o Día das Letras Galegas".

Entre os presentes, nunha longa lista de caras coñecidas, escoitaba atento o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que tamén tivo palabras "de admiración e afecto" para "unha voz profunda da terra luguesa".

E mentres a petición continúa no aire, os versos de Crecente Vega seguen resoando baixo o carballo de Luxís:

Segundo o respetaron vosos pais,
así quero tamén que o respetedes.
Non se lle corte cana endexamais.
Nunca esmoucado foi: non o esmouquedes

 

Comentarios