jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Castro de Rei dá luz verde ao proxecto de Augas de Galicia para mellorar a traída local

Casa do concello de Castro de Rei. ARQUIVO
Casa do concello de Castro de Rei. ARQUIVO
As obras, cunha inversión de 600.000 euros, comezarán en 2021 e "solucionarán o 75% dos problemas coa auga" no concello

A xunta de goberno do Concello de Castro de Rei vén de aprobar por unanimidade o proxecto de Augas de Galicia da primeira fase das obras de mellora na rede de abastecemento do municipio, uns traballos que previsiblemente poderían comezar entre o mes de xaneiro e o de febreiro de 2021, segundo apuntou o alcalde, Francisco Balado.

Esta actuación, que conta cun orzamento de 628.000 euros, dos cales o 80% estará financiado polo organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e o 20% restante das arcas municipais, ten como obxectivo solucionar "moitos dos problemas que hai actualmente coa auga no concello, especialmente nos meses estivais", expresou o rexedor, que apunta a que con esta primeira fase "pode solucionarse ata un 75% deses problemas".

E é que a instalación de dous tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade, tal e como concretaron desde a Xunta de Galicia, beneficiaría directamente ás parroquias de Bendia, Matodoso, Triabá, San Xiao de Mos, Ribeiras de Lea, Duarría, Loentia e o núcleo de Castro de Ribeiras de Lea.

Porén, instalacións como a Granxa Gayoso Castro, e máis concretamente o centro de recría, ou o parque empresarial, que son grandes consumidores de auga, así como a extensa cabana gandeira do concello e as vivendas verán un aumento de presión e no caudal.

"Levabamos moito tempo esperando por estas obras", apuntou Balado, que recorda que en 2016 foi cando se firmou o primeiro convenio e que agarda que "a mediados" do próximo ano a problemática co sistema de abastecemento estea solucionada.

Logo de darlle luz verde ao proxecto, que estivo a exposición pública, o seguinte paso será remitirlle a Augas de Galicia a certificación do acordo "canto antes" e que a Administración poida sacar a licitación estes traballos "a finais deste ano", segundo avanzaban desde o ente municipal.

CINCO MILLÓNS DE LITROS. O incremento da poboación, da capacidade das explotacións gandeiras e o crecemento do polígono empresarial de Castro de Ribeiras de Lea obriga a executar restricións no consumo de auga durante o período estival. Tanto é así que, en días puntuais, o depósito de Quintela chegou a rexistrar un consumo de máis de cinco millóns de litros de auga, "o dobre da media", tal e como asegurou Francisco Balado, convertendo esta actuación nunha vella demanda, tanto municipal como veciñal.

350.000 euros para mellorar a conexión 
O plan completo de mellora da rede de abastecemento que proxecta Augas de Galicia ronda o millón de euros e, deles, máis de 355.000 euros estarían destinados a executar a segunda fase. O obxectivo desas obras será crear un ramal que, partindo das conducións realizadas na primeira parte, mellore a conexión co polígono industrial e o servizo. 

En dous anos 
A parte final do proxecto non se levaría a cabo antes de, como mínimo, o ano 2022.

Castro de Rei dá luz verde ao proxecto de Augas de Galicia para...
Comentarios