Castro de Rei completará a mellora do abastecemento con 400.000 euros

O Concello e Augas de Galicia firmarán nos próximos días o convenio da segunda fase dun proxecto que aumentará a capacidade da rede
Casa do concello de Castro de Rei. ARQUIVO
photo_camera Casa do concello de Castro de Rei. ARQUIVO

O Concello de Castro de Rei e Augas de Galicia firmarán en breve un novo convenio para completar o proxecto de mellora do abastecemento municipal. Esta segunda fase, que prevé aumentar a capacidade da rede e acabar cos problemas coa auga, contará cun orzamento de 400.000 euros, financiado nun 80% polo organismo dependente da Xunta de Galicia e nun 20% pola administración local.

"Para Castro de Rei é un proxecto moi positivo, o crecemento da poboación e das industrias asentadas no polígono é constante e necesitamos darlles servizos. Co PXOM notamos que hai un interese en aumento por construír novas vivendas e iso xera unha necesidade de abastecemento á que lle temos que dar resposta", explica o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, que indica que con estas actuacións esperan poñer fin "aos problemas de abastecemento nos meses de seca no verán".

O Concello xa firmara un primeiro convenio coa Xunta, de algo máis de 600.000 euros, para a primeira fase do proxecto, que supón reforzar a rede da traída municipal dende Bendia ata o núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, á altura dos colexios, coa dotación dunha nova canalización que permitirá transportar máis caudal de auga e incrementar a presión.

Esta primeira fase, que xa está licitada e a punto de executarse –dende o Concello prevén que as obras se inicien en abril ou maio– "xa aumentará a capacidade de subministración", indica o rexedor de Castro de Rei, que fai fincapé en que o segundo convenio servirá para continuar coas melloras da capacidade da rede de augas dende o mercado gandeiro ata a rotonda que vai cara ao polígono industrial.

Esta segunda fase consiste na execución dunha nova tubaxe de máis de 1,5 quilómetros de lonxitude en parte do núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e ao longo da estrada LU-1706, resolvendo todas as interferencias con outros servizos existentes no trazado da mesma.

"Con estas actuación non só se favorece o núcleo de Castro e o polígono industrial", di Balado, que sinala que a presión de auga mellorará nas parroquias de San Xiao de Mos, en Triabá e en Ribeiras de Lea, e que tamén terá repercusións nas de Matodoso e Loentia.

"Neste concello hai unha cabana gandeira moi intensa e hai picos de consumo, con aumento nas demandas de auga no verán, que provocan diminucións da presión da auga en varios puntos do sistema", explica o rexedor de Castro de Rei, que indica que, tras firmar este segundo convenio, que espera que sexa algo inminente, o proxecto estará 20 días a exposición pública.

Comentarios