lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

Marcote: "Non hai atallos nin regras xerais para coñecer ben un cogomelo"

José Manuel Castro Marcote. C.ARIAS
José Manuel Castro Marcote. C.ARIAS
O experto, veciño de Cee e presidente da asociación micolóxica naturalista Pan de Raposo, abordou as intoxicacións por cogomelos na primeira sesión das Xornadas Micolóxicas das Pontes, que contan con varias actividades máis programadas ata o 15 de novembro 

O micólogo José Manuel Castro Marcote e a asociación que axudou a fundar no ano 2000, e que naquel momento foi un "revulsivo", están "empeñados en divulgar e en conseguir aumentar os coñecementos micolóxicos da xente", ademais de fomentar o coidado do medio natural. Nesa liña de traballo tamén se enmarcan charlas coma a das Pontes ou a súa produción bibliográfica: é autor da Guía de cogomelos dunares e coautor de Setas de Galicia, Cogomelos de Galicia e do Noroeste Peninsular e 500 setas del Litoral Atlántico y Noroeste Peninsular

Vén de impartir nas Pontes un obradoiro sobre intoxicación por cogomelos, cal é a idea que lle gustaría que gravasen os asistentes?

Os obxectivos fundamentais da charla foron identificar os cogomelos tóxicos máis comúns na nosa terra a nivel morfolóxico e ambiental, saber o tipo de intoxicación que provocan e ver con que especies comestibles a miúdo se confunden. O que me gustaría que lles quedase é que non hai atallos nin regras xerais para chegar a coñecer un cogomelo perfectamente.

A intoxicación é un risco frecuente? Existe descoñecemento?

As intoxicacións son moi frecuentes tódolos anos, e máis nunha terra como a nosa, que foi micófoba ata fai poucos anos. A maioría son leves e non chegan á prensa, pero tamén hai un bo número delas graves. Sen ir máis lonxe, en 2020, cun outono de semiconfinamento, houbo catro intoxicados graves en Navarra e un morto en Ourense. Nun estudo de 2013 do doutor Josep Piqueras-Carrasco, un gran experto en intoxicacións por cogomelos, danse os datos de intoxicacións graves no período 2005-2013 que afectaron a 356 persoas, das cales morreron doce e houbo que practicar nove transplantes hepáticos.

Na nosa terra temos numerosas especies potencialmente mortais. O ‘Amanita phalloides’, o cogomelo que provoca máis intoxicacións graves, é moi abundante

Que hai que facer para evitar que se produzan?

Só debemos consumir cogomelos que coñezamos perfectamente. Non hai regras nin atallos, só vale a perfecta identificación e o estudo dos caracteres morfolóxicos, organolépticos e ambientais do cogomelo. Como garantía adicional é importante coñecer as especies velenosas coas que pode confundirse.

Danse os cogomelos potencialmente mortais aquí?

Na nosa terra temos numerosas especies potencialmente mortais. O ‘Amanita phalloides’, o cogomelo que provoca máis intoxicacións graves, é moi abundante.

Que aconsella ao saír ao monte? 

O ideal é que á volta todo quede como estaba antes, aínda que iso non é posible, pois só coas pisadas imos compactando o solo. Pero se nos dedicamos a recolectar cogomelos, para comer ou para estudar, temos que procurar que todo quede o máis parecido a como estaba. Tapar o solo coas follas, como estaba antes de collelos, non usar ningunha ferramenta diferente dunha pequena navalla, non romper os cogomelos que non imos levar e pensar que son moi  necesarios no monte, tanto para as árbores como para os animais, incluíndo os velenosos para nós.

Cando comezou a interesarse polo mundo da micoloxía?

A primeira vez que me levaron na procura de cogomelos para comer foi aos 13. O interese polo mundo da micoloxía xurdiu aos 20 anos, animado polo pai dun amigo.

Comecei nun país totalmente micófobo e cunha bibliografía case que inexistente e 40 anos despois encóntrome nun país moi micófago, con numerosas asociación micolóxicas e cun grande acceso a bibliografía

Que cambios percibe dende entón? Avanzouse ou queda por facer?

Percibín moitísimos cambios. Comecei nun país totalmente micófobo e cunha bibliografía case que inexistente e 40 anos despois encóntrome nun país moi micófago, con numerosas asociacións micolóxicas e cun grande acceso a todo tipo de bibliografía. Avanzamos moito, tamén a nivel micolóxico, pero queda moito camiño por recorrer.

Onde se posiciona Galicia no tocante ao coñecemento e ao aproveitamento micolóxico con respecto a outros puntos de España?

Sendo sincero, debo recoñecer que tanto no tocante a coñecemento como en relación co aproveitamento micolóxico, non quedamos ben parados.

Galicia é rica en cogomelos?

Temos unha gran riqueza, pois está directamente relacionada coa diversidade de hábitats e coa pluviosidade. Temos moita variedade e moita cantidade.

Cales son as variedades máis comúns? E as máis aprezadas?

A variedade depende fundamentalmente do hábitat e da estación do ano, polo que é moi difícil dicir cales son as máis comúns. As máis aprezadas son os boletos do grupo edulis, cantarelas, níscalos, lepiotas do xénero Macrolepiota, trompetas de mortos, angulas de monte, champiñóns, sendeiriñas, xiropatos ou pantorras, etc.

A zona de Terra Chá e das Pontes conta cunha gran riqueza micolóxica e tamén cun gran potencial para o seu aproveitamento, sobre todo pola gran produción de boletos

Que destacaría a nivel micolóxico das Pontes e da Terra Chá? 

É unha zona cunha gran riqueza micolóxica e tamén cun gran potencial para o seu aproveitamento, sobre todo pola gran produción de boletos do grupo edulis. Leva moitísimos anos gozando dunha cultura micolóxica que seguramente está presente no coñecemento popular. É unha mágoa que non teña un boa asociación micolóxica que se dedique a divulgala durante todo o ano.

Cando se fala de cogomelos, case inevitablemente se pensa no consumo pero, que outras utilidades teñen? Que lle achegan á terra?

A importancia capital dos fungos é a súa asociación coas raíces das prantas e árbores, as micorrizas. Non se comete ningún erro se dicimos que a vida vexetal case que non existiría sen as asociacións das súas raíces cos micelios dos fungos. Aparte disto, os cogomelos dan de comer a moitísimas especies de animais que viven no monte, dende insectos e moluscos ata réptiles, anfibios, aves ou mamíferos. A nivel humano, aparte de a nivel gastronómico, tamén se usan na industria farmacéutica, na medicina oriental, na fabricación de envases biodegradables e mesmo na elaboración de manteis e outro obxectos ornamentais.

É autor de varias publicacións sobre setas en Galicia e no litoral atlántico, como xurdiron estas obras? Ten algunha máis prevista ou que lle gustaría publicar?

Hai un momento en que un sinte a necesidade de transmitir os seus coñecementos e cando empezamos coa asociación Pan de Raposo coincidimos varias persoas con esta mesma idea. Esto foi o xerme que nos levou a publicar Setas de Galicia, quizais cun punto importante de atrevemento pero que nos serviu para aprender moitísimo. O de publicar sempre depende do interese das editoriais, pero eu sigo con ganas de divulgar e de publicar.

Que consello lle daría a unha persoa interesada en profundizar no mundo da micoloxía?

Cando unha persoa está interesada, o primeiro que ten que facer é xuntarse con outras persoas que saiban máis, xeralmente dentro dunha asociación micolóxica. Logo se dará de conta de que hai moitísima xente que lle vai axudar, que ata gozará axudándolle.

De preto: "Hai fungos ata na fuselaxe dos avións"
Que diferencia hai entre un fungo e un cogomelo?
O fungo é o ser vivo ou parte vexetativa, o cogomelo é o aparato reprodutor.
Hai algún sitio onde non se poida dar un fungo?
Hai fungos ata na fuselaxe dos avións.
Ten un cogomelo favorito? 
O que vexo por primeira vez. 
Hai algún que non lle guste?
Os que vexo pateados no monte.
E que esperte o seu interese?
O interese vai cambiando mentres vou aprendendo.
Un micólogo de referencia?
Teño moitos, porque hai unha gran especialización.
Sae ao monte con frecuencia? 
Sempre que podo, durante todo o ano. 
Cal é o seu ‘kit’ de traballo?
Unha mochila con todo o material de fotografía, un cesto, unha navalla, un pequeno serrucho, unha caixiña con departamentos e algún reactivo.
Unha receita con setas? 
Encántame a ensalada de escarola con grans de granada, adobada con trociños de boletus salteados con allo en aceite de oliva virxe e unhas gotas de vinagre.
Un libro para iniciarse?
Estando en Galicia, non podo recomendar outro que non sexa Cogomelos de Galicia e do Noroeste Peninsular, pois non temos moito donde elixir.
Que opinión lle merecen as xornadas e as festas micolóxicas?
Creo que son fundamentais para conseguir que a xente se acerque a este mundo tan curioso e marabilloso.

Marcote: "Non hai atallos nin regras xerais para coñecer ben un...