domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Castiñeiro Milenario: Novatos que progresan adecuadamente

Castiñeiro Milenario. C.PÉREZ
Castiñeiro Milenario. C.PÉREZ
O equipo da asociación cultural begontesa, que organizaba un aberto no Festival 27373, debuta esta tempada na LNB con cinco palanadores cheos de ilusión e con moitas ganas de aprender e de "pasalo ben"

Na primeira edición do Festival 27373 da asociación Castiñeiro Milenario houbo un aberto de billarda. E na segunda. E tamén en todas as demais ata a oitava, celebrada no pasado mes de agosto.

"Un rapaz da Mariña, Toño Randeira, propúxonolo e aceptamos, porque moitos de nós xa a coñeciamos, no meu caso porque meu pai xogaba de pequeno, pero non xogabamos, non sabiamos que había torneos, aínda que nos pareceu unha idea moi boa e dixemos que si", lembra Carlos Fernández sobre unha convocatoria que ten "moito éxito".

Eran anfitrións dun aberto, pero non palanadores profesionais, ata que "a insistencia sobrenatural" de Chousa e de Ismael, de Carabullo, os levou a dar un paso adiante, crear un equipo e debutar na competición esta tempada. Vanesa, Xosé Manuel, Ana, Pablo e o propio Carlos son os integrantes dunha formación que «progresa adecuadamente» e que participa coa aspiración de "pasalo ben" e de atraer máis xente.

"A experiencia está sendo boísima e estamos enganchadísimos todos os que estamos xogando, adestramos sós pola semana e quedamos para facelo xuntos a fin de semana cando non hai aberto", resume Carlos, que cualifica como "unha pasada" o ambiente da liga.

Todo isto suscríbeo Pablo Gómez, a quen o seu avó, cando era pequeniño, o entretiña cunha billarda mentres el cravuñaba a gadaña. Nunca máis soubo desta "viciosa" práctica ata os abertos do festival, pero agora mesmo aproveita ata as luces do coche para poder testar de noite as billardas que fabrica el mesmo.

O que acumula máis veteranía do equipo foi nomeado capitán polos seus compañeiros precisamente por ostentar ese grao —ou eso di el—. E ese non é outro que Xosé Manuel Rodríguez, quen xa probara sorte co palán e a billarda de pequeno en Lugo.

"Cando tiña uns doce anos os rapaces de 15 e 16 xogaban, así que todos queriamos xogar porque xogaban os grandes, que ás veces nos deixaban ir con eles", lembra Xosé Manuel, que ve cumprida a arela de volver coller un palán. "A experiencia é unha marabilla, practicas un deporte factible, no que a idade non ten nada que ver, fas exercicio...", enumera sobre un xogo que dende Castiñeiro Milenario queren introducir nos colexios. E se o di o capitán... 

Castiñeiro Milenario: Novatos que progresan adecuadamente
Comentarios