O recuncho de Carlos Fernández

Castiñeiro da Capela: árbore simbólica e maxistral

A Virxe do Rosario, patroa de Baamonde, ten o altar máis senlleiro do mundo no interior dun tronco milenario
Castiñeiro da Capela. C.PÉREZ
photo_camera Castiñeiro da Capela. C.PÉREZ
Localización
O castiñeiro atópase no adro da igrexa de Baamonde, entre o templo e a N-6, preto do P.K. 529.
Particularidade
As obras de ampliación da estrada incluían a tala da árbore, o que se evitou coa protesta do escultor Víctor Corral, que en 1971 "hizo la capilla más pequeña del mundo en un árbol", como se lembra nunha placa. Finado hai uns meses, a súa casa museo está a só 200 metros.
Senlleira
O Castiñeiro da Capela inclúese no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, no que tamén están a Pravia de Vilalba; o eucalipto do Maná da Casa de Ordax, o teixo de Balmonte e o carballo de Luxís, en Castro de Rei; e os carballos de Mede e de Freán, en Xermade. Tamén hai dúas formacións, as faias de Lagostelle e a carballeira de Muimenta.

Capela do Castiñeiro. C.PÉREZ
Capela do Castiñeiro. C.PÉREZ

"A historia de como se salvou o castiñeiro paréceme absolutamente marabillosa, podería dar perfectamente para facer unha película", di o lugués reconvertido en begontés Carlos Fernández López, veciño da parroquia de Bóveda dende hai máis de dúas décadas e secretario da asociación cultural Castiñeiro Milenario, que toma prestado o nome desa árbore sobranceira de cuxo particular e sorprendente relato de supervivencia fala Carlos.

Ten "recordos difusos" de ver o castiñeiro cando era pequeno, pero non foi ata cando el e a súa parella, Nuria, viñeron vivir a Begonte, cando se percataron de que tiña unha Virxe do Rosario no interior. "Sorprendeunos", di, e iso sin saber a historia que logo lles contarían no restaurante Galicia, unha desas propias da tradición oral, un conto de lareira cunha árbore en perigo, un heroe protagonista, antagonistas e final feliz.

Tallas de Víctor Corral no castiñeiro de Baamonde. C.PÉREZ
Tallas de Víctor Corral no castiñeiro de Baamonde. C.PÉREZ

Porque ao valor que xa de por si ten como monumento natural un castiñeiro que segue a dar castañas e que leva con orgullo o alcume de milenario polos centos de anos que atesoura, úneselle a fazaña de Víctor Corral ao converter o seu groso toro nunha capeliña para evitar a tala e toda a árbore nun exemplo perfecto dos elementos que conflúen na súa obra: relixiosidade e amor polas raíces e pola natureza. E quen se pare e mire verá o escudo de Baamonde, ao Creador e a súa man, un acio de uvas, un peregrino, unha donicela, unha pomba...

Ese valor tanto material como sentimental do Castiñeiro da Capela levou en 2006 a un grupo de veciños a crear a asociación cultural Castiñeiro Milenario. E alí estaba Carlos. "Fun ver que se cocía, porque tiña interese en participar nunha asociación cultural, aínda que daquela non coñecía a ninguén", rememora.

Donicela no toro da árbore. C.PÉREZ
Donicela no toro da árbore. C.PÉREZ

Lembra aquel frío e húmido día de inverno no que se presentaba a entidade, e no que el se fixo socio, coma unha "festa". E co paso dos anos tamén acabaría por ser unha sorte de punto de inflexión na súa vida e na de Nuria, polo moito que hoxe Castiñeiro Milenario significa para eles. 

"Sen asociación non entendería que facer" di, incidindo tamén na ·"implicación emocional" que ten coa árbore, á que lle desexa outro mil anos máis, coma a entidade.

Igrexa e Castiñeiro de Baamonde.C.PÉREZ
Igrexa e Castiñeiro de Baamonde.C.PÉREZ

Comentarios