Recunchos a descubrir

Lagoa de Cospeito: Un castigo divino que é reclamo turístico

É un dos emblemas naturais da comarca que pode presumir dunha ampla flora e de ser refuxio de numerosos animais
Unha das ventás á lagoa de Cospeito. M.MANCEBO
photo_camera Unha das ventás á lagoa de Cospeito. M.MANCEBO
O lugar
O acceso que conduce á lagoa está ao carón do centro de interpretación, na capitalidade municipal de Feira do Monte.
Ruta
As súas augas son parada obrigada na Ruta das Lagoas, de 14,5 quilómetros e de dificultade baixa. Hai alternativa de facer a senda máis curta, circular e de 4,5 quilómetros.
Espazo protexido
A lagoa está encravada na área xeográfica declarada pola Unesco como Reserva da Biosfera Terras do Miño e recoñecida pola Xunta como espazo natural en réxime de protección xeral. 

As lendas sitúan o nacemento dun dos emblemas máis importantes de toda a comarca chairega nun castigo divino. A virxe, disfrazada de indixente, pediu acubillo na Vila de Valverde, que quedou anegada como condena pola ausencia de solidariedade dos seus habitantes.

LAGOA COSPEITO (195)Realidade ou non, o certo é que na localización onde se atopa esta fermosa lagoa, que pertence á Rede Natura 2000 e axuda a configurar o LIC Parga-Ladra-Támoga, apareceron restos de tellas, ladrillos, ferros e outros materiais que poderían formar parte dese pobo asolagado, cuxos tellados sobresaían en épocas de seca, segundo contan os veciños de máis idade.

Lagoa de CospeitoDo que non hai dúbida é de que este paraxe natural, que orixinariamente estaba formado por dúas lagoas —a grande ocupaba 57,50 hectáreas e a pequena, 16,25—, pode presumir de contar cunha ampla flora e ser refuxio de numerosos animais

Para gozar deles e da propia contorna os camiñantes poden escoller entre dúas alternativas —unha senda máis longa que chega ata a lagoa da Carballosa ou outra circular adaptada a todas as idades—, e subir a algún dos miradores que hai repartidos ao redor da lagoa, que de castigo pasou a reclamo turístico.

Comentarios