martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

A Casa de Galocha de Bretoña recibe aos primeiros turistas e visitantes

Responsables do centro de interpretación de Bretoña e do Concello cos primeiros visitantes. T.FORJA
Responsables do centro de interpretación de Bretoña e do Concello cos primeiros visitantes. T.FORJA
O centro de interpretación pastoricense abrirá de venres a luns, en horario de 10.00 a 18.00

Tras meses de traballo, o centro de interpretación da parroquia pastoricense de Bretoña, ubicado na antiga Casa de Galocha, recibiu ao longo do día de este venres aos primeiros turistas e visitantes.

Entre eles estaba o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, que destacou que "isto é o inicio de algo que vai ir medrando pouco a pouco para facer de Bretoña un centro de interese histórico, turístico, cultural e paisaxístico, porque ten tódalas condicións para chegar a selo".

O proxecto, que comezou coa reforma da coñecida Casa de Galocha e da contorna, ademais da súa musealización, deu como froito un espazo que busca dinamizar a zona e atraer a visitantes, "enxalzar e poñer en valor a Bretoña".

"Todo o mundo fala da Bretaña francesa, pero non hai tanto coñecemento de que esta parroquia ten as mesmas raíces e vencellos ca ela" , comentaba Fran Alonso, responsable deste centro, que abrirá as súas portas de venres a luns, en horario de 10.00 a 18.00 horas, non só a turistas, senón tamén a centros educativos que queiran coñecer a historias que hai detrás desta recuncho chairego.

"O deseño da exposición intenta sintetizar a historia das orixes de Bretoña, así coma o labor de Chamoso Lamas á hora de recoller e estudar parte da mesma", indica Alonso.

A súa empresa, Estela Arqueoloxía e Patrimonio, é a concesionaria que ademais da investigación para o posterior deseño da mostra, encargarase da xestión do museo ata o mes de decembro, cando o Concello ofertará unha praza para a súa continuidade.

Os visitantes poderán coñecer as orixes do pobo, dende a caída do imperio romano e a invasión dos pobos bárbaros ata o asentamento dun grupo liderado polo bispo Maeloc no norte de Galicia, o que acabaría formando a Bretaña galega, é dicir, Britonia.

A pesar de que non se conserva o bretón, a lingua céltica destes emigrantes, como si o fai a Bretaña francesa, quedan vestixios da historia ao seu paso pola parroquia pastoricense. Agora este centro de interpretación procurará divulgar estes feitos e dalos a coñecer, co fin de poñelos en valor e non esquecer as orixes e importancia histórica da parroquia.

Punto de encontro de artistas
O proxecto non remata con este museo, xa que dende o Concello búscase que a Casa de Galocha sexa un centro de dinamización da contorna de Bretoña. As reformas continuarán nun futuro no piso de arriba do edificio para convertelo nun lugar de encontro para artistas. A idea é dispoñer dunha sala de exposicións itinerantes para aqueles que queiran exhibir as súas obras e dalas a coñecer neste contorno privilexiado.

Posta en valor do propio
A primeira actividade que queren facer é unha exposición e conferencias de personaxes ilustres de Bretoña que se descoñecen dentro da historia de Galicia. Sinalaba o rexedor pastoricense que esta "é a maneira na que nun futuro queremos enxalzar unha parroquia que foi moi importante dende o século V ata os nosos días". Haberá que esperar ata que rematen as reformas para desfrutar ao completo da nova vida da Casa de Galocha.

A Casa de Galocha de Bretoña recibe aos primeiros turistas e...
Comentarios