martes. 04.08.2020 |
El tiempo
martes. 04.08.2020
El tiempo

A casa de Don Lino volve á vida

Exterior da casa de Don Lino. C. PÉREZ
Exterior da casa de Don Lino. C. PÉREZ
Delmiro Caamaño recuperou o emblemático inmoble de Parga para o aluguer turístico

É difícil non reparar nela. Situada nunha encrucillada, entre as rúas Santa Lucía e Castelao de Parga, fronte ao principal paso a nivel da vila, a emblemática casa de Don Lino levaba moitos anos coa chave botada e unhas dúas décadas á venda, sen que ninguén se decidise a adquirila e, sobre todo, a darlle una nova vida.

Ese tampouco era o plan de Delmiro Caamaño e de Mari Carmen García, pero de tanto pasar por diante dela cara a parroquia de Sambreixo, onde no ano 2018 adquiriron dúas casas coa idea de convertelas en albergue de peregrinos —están agora en proceso de rehabilitación con esta fin— acabaron por preguntar por ela. E mercárona.

A parella, por aquel entón afincada en Arteixo pero hoxe convertida nun veciños máis da zona, onde levan varios meses á fronte do bar Viña de Parga, comezaba así unha andaina que culminaba coa rehabilitación integral do edificio para transformalo no que hoxe xa é unha realidade, unha casa de alugueiro turístico.

Delmiro Caamaño, no comedor da casa. C. PÉREZ "Esta xa era a nosa primeira opción, ao estar no centro de Parga, con todos os servizos a un paso, e ademais a situación actual fai que as familias prefiran esta opción", explica Delmiro, que avanza que a nova Casa de Don Lino, aberta xa oficialmente, conta con varias reservas para o mes de agosto.

O centenario inmoble, que mantén a súa fisonomía orixinal no exterior e as vellas vigas no interior, data de 1910 e recibe o seu nome de Lino Martínez Sánchez, quen fora alcalde de Trasparga —antes de que a casa do concello se trasladase a Guitiriz— a comezos do século XX.

Durante moito anos o edificio acolleu un ultramarinos e na súa última etapa, antes de pechar as portas, tamén foi estanco. Agora comeza unha nova vida logo da súa repertura como un establecemento turístico con sete prazas dispoñibles, que se pode alugar por días, e co almorzo incluído.

A casa ten uns 250 metros cadrados repartidos en dous andares, ademais do soto. A entrada da acceso ao comedor, comunicado coa cociña, cuxo principal atractivo é a súa grella. A oferta do establecemento complétase con tres habitacións dobres e unha individual, e conta tamén cunha antiga galería no primeiro piso, con vistas á tranquila e estratexicamente situada vila de Parga.

A casa de Don Lino volve á vida
Comentarios