lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

A Casa do Mel de Goente celebra as XXII Xornadas Apícolas os días 8, 9 e 10

Sesión práctica de un curso, en el colmenar de la Casa do Mel. EP
Sesión práctica de un curso, en el colmenar de la Casa do Mel. EP
A cambio da tradicional feira, que foi cancelada por segundo ano, programarase un showcooking, unha cata e unha api-ruta 

A Casa do Mel de Goente vén de iniciar a conta atrás para a celebración das XXII Xornadas Apícolas do Eume, que se desenvolverán os días 8, 9 e 10.

Jorge Cáceres, docente da Universidade Complutense de Madrid, será o encargado de impartir unha acción formativa o venres 8, ás 10.30 horas, que se centrará na normativa relativa ao mel de cara á súa comercialización.

Xa o sábado 9, haberá diferentes ponencias dende as 10.00 horas. Urbano J. González, de Meles Urzapa, falará de experiencias sanitarias en colmeas ecolóxicas, mentres que a bióloga Eva María Pico centrará a súa disertación na selección xenética da abella e a veterinaria pontesa, Iria Bellas, explicará cal é o programa sanitario na Casa do Mel.

As charlas da mañá, para as que será necesario inscribirse previamente xa que terán aforo limitado, proseguirán coa de Iago Vilela, enxeñeiro de montes e apicultor profesional, que falará sobre a súa experiencia ao incorporarse a este sector.

Na sesión de tarde, Carlos Ares, de Agaca, introducirá aos presentes no mundo do cooperativismo e, ás 18.30 horas, celebrarase a asamblea xeral da Casa do Mel.

O programa de actividades continuará o domingo 10, ás 15.00 horas, cun percorrido pola api-ruta, un roteiro de nove quilómetros no que os asistentes poderán aprender o proceso de elaboración do mel e poñer en valor o traballo do apicultor.

A actividade inclúe unha visita á aula da natureza, ubicada na zona de restauración de Endesa, e unha cata comentada de diferentes tipos de hidromel a cargo de Santiago Muñiz. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse, previamente, no número de teléfono 661.00.36.16.

Tamén o domingo, pero na carpa instalada ao carón da igrexa parroquial de Goente donde habitualmente se celebra a Feira do Mel e do Queixo, haberá ás 12.00 horas un showcooking aberto a un máximo de 30 persoas, no que o cociñeiro Antonio Díaz, coa colaboración de Queixerías do Eume, elaborará varios manxares que se poderán degustar. 

Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse con antelación de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no número de teléfono 981.44.03.44.

A Casa do Mel de Goente celebra as XXII Xornadas Apícolas os días...