Casa da Luz: un hotel con historia

Foi o gran negocio da parroquia pastoricense. Subministraba luz, tiña catro muíños, serra, carpintaría, unha tenda téxtil, funeraria... ata que hai máis de tres décadas botaba definitivamente a chave. Agora, Sonia Lorido busca revitalizar un edificio de case mil metros cadrados cun hotel de dúas estrelas superior
Zona onde estarán o bar e o salón de eventos da Casa da Luz. EP
photo_camera Zona onde estarán o bar e o salón de eventos da Casa da Luz. EP

Santiago García foi un empresario de referencia na parroquia pastoricense de Bretoña. No que hoxe é o número 5 da Rúa Peña Sanjurjo, sentaba os cementos en 1942 do que sería un gran complexo con case un milleiro de metros cadrados de superficie, onde houbo carpintaría -tamén tiña unha serra próxima-, unha tenda téxtil, funeraria, catro muíños eléctricos, subministro de luz...

"Había moitísimo traballo, tiñamos 400 abonados, a luz viña de Mondoñedo a Santalla e deste transformador de alta tensión -eles pasábana a baixa- distribuíase a outros dous en Fitoiro e Castrillón", lembra Marina López y López, viúva de Santiago e parte imprescindible do negocio durante moitos anos, dende que casaron o 23 de decembro de 1967.

Son moitos os veciños que a recordan subida ao alto dun poste da luz. "O home non quería, pero eu subía, teño dúas mans e dous pés e podía facelo", lembra cun sorriso. E iso que a primeira vez, na que foi cun empregado, case caeu. Pero iso non arredou a Marina, sempre disposta a superar ese e calquera outro reto nos seus 88 anos de vida. Como conducir. En 1972 sacaba o carné e non só andaba no coche, o que fixo ata hai nada, senón que tamén conducía a carroceta do negocio, un vehículo matriculado en 1928 que hoxe é unha peza de museo.

Ao xubilarse Marina, a Casa de Santiago pechaba definitivamente as portas. Ata o de agora. O inmenso inmoble, que conserva numerosos retazos da súa historia, volverá á vida grazas á iniciativa de Sonia Lorido. Este verán, se as obras marchan segundo o previsto, prevé inaugurar un hotel de dúas estrelas superior, a Casa da Luz, nome escollido para homenaxear esa industria que durante anos deu servizo a moitas casas da volta.

Zona onde estarán o bar e o salón de eventos da Casa da Luz. Á dereita, os catro muíños e o contador eléctrico dos anos 50.

DEZ ANOS. Sonia, natural de Riotorto pero afincada en Bretoña, xa é unha cara coñecida na Pastoriza, onde fai unha década -o décimo aniversario será en agosto- abría o restaurante O Castro xunto ao seu home, José Luis Álvarez Bouso. E a mesma ilusión que os levou daquela a apostar por ese negocio xustifica agora a aposta por investir na recuperación deste grande inmoble, grazas tamén á boa disposición de Marina, familia de José Luis.

"Cremos no rural e vémoslle futuro, a calidade de vida é superior e, aínda que se o investimento que estamos a facer aquí o fixesemos nun núcleo urbano quizais teriamos un maior rendemento económico, apostamos por esto igual que co restaurante, somos felices aquí", explica Sonia, que lembra que o proxecto naceu case por casualidade. O edificio necesitaba mantemento e comezaron por relousar. Viron que precisaba outras reformas e entón decidiron que, de facelas, mellor que fose cun obxectivo final.

E así xurdía, pouco antes da pandemia, a cal tamén lle afectou ao seu desenvolvemento, o proxecto da Casa da Luz, un hotel que ofrecerá 16 prazas en seis habitacións -dúas familiares e o resto dobres-, unha zona de recepción, un salón-cociña comunitario para os hóspedes, un bar e un salón de eventos. O edificio ten tamén un terreo anexo duns 300 metros cadrados, no que haberá un xardín e unha zona de xogos infantil.

A rehabilitación respecta boa parte da construción orixinal, con teitos de madeira e paredes de pedra, mais tamén aposta pola modernidade e as enerxías renovables, coa instalación dunha máquina de aerotermia para a calefacción, o aire acondicionado e a auga quente.

Zona onde estarán o bar e o salón de eventos da Casa da Luz. Á dereita, os catro muíños e o contador eléctrico dos anos 50.

Este proxecto, orzamentado en máis de 400.000 euros e que conta cunha subvención de 165.131,74 euros do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá, é en realidade a primeira fase dunha idea que vai máis alá. Así, de cara a un futuro non moi distante, Sonia quere incorporar tamén un apartamento turístico, aproveitando para elo a antiga vivenda de Santiago e de Marina. Esta localízase no primeiro andar do complexo e nela aínda se conserva a antiga oficina da empresa, que é coma viaxar no tempo medio século atrás.

MUSEO. Tamén confían en crear un museo, pois gardan auténticas reliquias. Ademais da xa citada carroceta e dun camión, consérvase, aínda que precisa dunha rehabilitación, un vehículo que pertenceu á raíña Fabiola de Bélxica, adquirido por Santiago nunha poxa en Granada. A idea del era convertelo nunha furgoneta e, malia que non chegou a completar o proceso, si que lle quitou a carrozaría, replicándoa en madeira.

E, por suposto, mantéñense os catro muíños eléctricos -están no baixo, e deixáronse claraboias no chan do salón de eventos para velos, coa idea de volver poñelos a funcionar-, nos que se moía para as persoas -cunha pedra francesa especial para o pan- e para os animais. A actividade era tanta que funcionaban as 24 horas e o muiñeiro vivía alí para atendelos.

Na sala contigua permanece o cadro eléctrico de 1954, con dous motores trifásicos -cada un movía dúas pedras dos muíños- e, como o subministro tendía a fallar, tamén se instalou un enorme motor diésel que daba luz aos muíños e a todo o complexo.

Comentarios