A Casa da Botica sofre novos danos a causa do temporal

A Deputación tomará novas medidas para reforzar a seguridade estrutural
A zona cortada. C.P.
photo_camera A zona cortada. C.P.

O temporal que está a pasar por Galicia nas últimas horas causou novos danos na Casa da Botica de Guitiriz. A Deputación de Lugo, en base ás avaliacións e os informes dos técnicos provinciais e da empresa adxudicataria das obras da residencia, tomará de inmediato novas medidas para reforzar a seguridade estrutural do edificio.

O derrubamento parcial do alzado dereito da fachada principal ocorrido o 10 de xaneiro e a caída da medianeira sufrida nas últimas horas, producidos en ambos casos tras temporais de chuvia e vento, debilitou as paredes do inmoble, o que fai necesario, segundo as indicacións dos técnicos, novas medidas de reforzo estrutural. 

CASA DA BOTICA“A nosa máxima prioridade é garantir a seguridade para evitar maiores danos no edificio e o perigo que estes puideran supoñer”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quen avanzou que “defenderemos os intereses públicos da institución provincial polas vías que sexan necesarias, esixindo responsabilidades no seu caso en torno á execución do proxecto”. 

Este mesmo venres comezaron a adoptarse novas medidas. Xa se ampliou a zona de seguridade e se reforzou o acordonamento da contorna do edificio, e a dirección de obra determinou a necesidade de derrubar a primeira e a segunda planta do inmoble para garantir a súa seguridade estrutural, actuación á que se procederá nos vindeiros días e que esixirá posteriormente a súa reconstrución orixinal.

Ademais, desde primeira hora, o Concello cortou parte de beirarrúa afectada e habilitou un paso seguro para que os viandantes puidesen transitar sen perigo algún. 

Á súa vez, desde o grupo de goberno están a manter contacto permanente tanto coa Deputación, como cos técnicos que están a traballar nas reparacións, co "obxectivo de axilizar e ofrecer calquera tipo de axuda posible".

Operarios traballando na zona. C.P.

Comentarios