Casa Chaín: arte, ocio e natureza en Pol

A xornalista Lourdes Abuide apostou por mercar a centenaria casa da súa avoa para convertela nun espazo de dinamización rural
 
undefined
photo_camera Lourdes Abuide, na porta de Casa Chaín. EP

"Sempre me deu moita pena que o rural se vaia desfacendo, esas casas de pedra... e quería poñer o meu gran de area para conservalo, así que me decidín a mercarlle á familia a que foi a casa da miña avoa, que estaba abandona, caendo", conta a xornalista e profesora Lourdes Abuide Valcarce para explicar o xerme dun proxecto co que busca "levar a cultura e a arte ao rural".

E quere facelo a través da centenaria Casa Chaín, a que un día foi o fogar dos seus devanceiros e á que agora quere darlle unha segunda vida como espazo polivalente no que programar cine, teatro, exposicións, danza, cursos... "A idea é levar a cultura ao rural e crear espazos polivalentes", precisa Lourdes, ultimando a posta a punto deste novo centro dinamizador, localizado na parroquia polega de Cirio.

Trátase dunha casa de pedra típica da zona, que suma 300 metros cadrados entre os seus dous andares e que conta ademais cun horteiro ou un patio interior pechado por unha muralla de pedra. Tamén se conservan o forno de leña ou a lareira, esta nun espazo aberto no que poderá servir de escenario para acoller eventos.

A súa idea é comezar a funcionar este verán, e xa ten programadas as primeiras actividades: teatro, debuxo e varias clases

A rehabilitación da casa, dado o seu estado, tivo que ser integral. E o resultado é unha restaurada cociña na que se prevé acoller cursos, unha antiga habitación transformada en oficina ou distintos cuartos que poderán acoller actividades no verán. O patio cerrado e a vella aira permitirán tamén promover propostas ao aire libre. A todo isto súmase un apartamento rural, por se alguén precisa quedar.

"O rural tense que reinventar, ten que ser un lugar para vivir, porque se tende a escapar cara ás cidades cando a calidade de vida está no rural", asegura Lourdes, unha trotamundos que viviu en Suíza, Francia ou Inglaterra, experiencias que lle axudaron a pór en valor este tipo de vida.

"En Francia valórase moito vivir no rural, suma e non resta, como parece que pasa aquí; vivín nun pobo moi pequeno, coas casas moi coidadas e onde lle daban moita importancia a valorizar o local, a cultura, os produtos... gustoume moito", precisa Lourdes, que cre que esa é a clave: "Darlle ao noso o lugar que merece e aproveitar o de fóra para enriquecer".

A impulsora do proxecto quere facer ver as vantaxes de residir no campo, xa que entende que "ten que ser un lugar para vivir"

E iso quere facer ela coa súa traxectoria persoal -traballou na radio en Lugo case 20 anos, é docente en secundaria e leva anos no grupo de teatro Achádego-, sumar todo o aprendido para construír o proxecto de Casa Chaín, na que co tempo confía en poder contar con persoal de xeito permanente para impartir cursos e xestionar a programación de actividades.

Casa Chaín data de 1889, como lembra unha inscrición na entrada, e para o seu proxecto Lourdes decidiu conservar o nome orixinal, como homenaxe ás raíces paternas e á súa avoa, Carmen Monasterio. A súa idea é abrir en breve e, de feito, xa ten as primeiras actividades programadas para este verán: un obradoiro de iniciación ao debuxo, outro de teatro, xornadas para cocer pan, clases de francés ou de música...

A información sobre as propostas lúdicas e formativas ou o día a día da casa pódese seguir na web www.casachaín.es ou na redes sociais de Egeria Chaín, unha muller viaxeira que atopou neste pequeno recuncho de Pol o lugar idóneo para gozar e facer gozar a outros da riqueza do rural.

Apoio do GRD Montes e Vales Orientais
Lourdes, quen aproveitou o tempo que lle concedeu a pandemia para seguir desenvolvendo o proxecto de Casa Chaín, destaca a axuda recibida por parte do GDR Montes e Vales Orientais. "Funciona de marabilla e é unha aposta moi boa. A casa rehabilitouse con xente da zona, unha forma de crear riqueza e que encaixa na filosofía do GDR, que fomenta o poder traballar no lugar onde se vive", destaca.

Subvención do 50%
O orzamento do proxecto Casa Chaín, Organización de eventos artísticos e culturais no rural, ascende a 140.073 euros, cunha subvención concedida do 50%, 70.036,50 euros.

Comentarios