viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

"De Carvalho Calero destacaría a súa capacidade de traballo e o seu sentido de servizo a Galiza"

Marcos Saavedra. EP
Marcos Saavedra. EP
Co gallo do Día das Letras Galegas, o Iescha e o Concello de Vilalba tiñan prevista unha conferencia a cargo dun bo coñecedor da obra de Ricardo Carvalho Calero aló por maio de 2020. A pandemia obrigou a aprazar esta cita, que se recupera este venres co fin de saldar "a débeda" pendente co prolífico autor ferrolán

O ribadense Marcos Saavedra Blanco, que estudou en Información e Documentación na UDC e é membro e exsecretario da Associaçom Galega da Língua (Agal), pasou polas bibliotecas de Ferrol, da Coruña e de Ribadeo ata recalar na de Vilalba. Dende esta, estableceu unha colaboración co Iescha que o levou a escribir sobre Ricardo Carvalho Calero para o X Caderno de Estudos Chairegos ou idear a conferencia fixada para o día 16, ás 20.00 horas na casa da cultura da capital chairega, logo de ter que ser adiada case un ano pola pandemia. A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

Sobre que versará a súa charla?
Procurarei trazar algunhas liñas sobre o seu intenso periplo vital, que corre paralelo ao da Galiza e o galeguismo do século XX; sobre a súa titánica obra tanto na creación como na investigación e sobre a súa visión da lingua.

Como xorde esta colaboración co Iescha?
O Iescha sabía que eu era na altura o secretario da Associaçom Galega da Língua, a principal entidade reintegracionista e nacida en boa medida para defender os postulados lingüísticos de Carvalho: isto é, que o galego e o portugués son variantes da mesma lingua e que a normalización do galego a través da súa reintegración na lusofonía sería unha estratexia máis intelixente e eficaz. Estabamos a deseñar un programa de actos e a pandemia fixo adiar todo. Contabamos que o ano Carvalho se estendese ao 2021, cousa que infelizmente non se produciu, e agardamos que esta conferencia sirva un pouco para compensar a homenaxe que non puido ser e pagar a débeda con Carvalho.

Perdeuse unha oportunidade coas Letras Galegas de 2020?
A verdade é que sorprende a decisión da RAG, nun contexto no que se estenderon todas as celebracións adiadas pola pandemia a este, con a maior parte do tecido cultural e asociativo do país solicitándoo. Se até o Papa de Roma cedeu co do Xacobeo! Anuncialo en decembro... en fin. É unha mágoa por Carvalho e é unha mágoa por Xela Arias, unha voz poética potente que merecía máis do que este ano se lle vai poder dar ás présas.

Sorprende a decisión da RAG, é unha mágoa por Carvalho e por Xela, unha voz poética potente que merecía máis

Que destacaría de Ricardo Carvalho Calero?
A súa capacidade de traballo e o seu sentido de servizo a Galiza. Sempre puxo por diante o interese colectivo do que o individual, o que pensaba que había que facer sobre o que el gostaría de facer.

Ve necesario potenciar máis a súa figura?
Penso que a figura de Carvalho, especialmente como ideólogo da lingua, está moi viva na sociedade civil e a súa obra goza de bastante boa saúde. Quizais a súa obra poética era a grande descoñecida para o gran público, mais fixéronse cousas como o Musicando Carvalho Calero que serviron para poñela en valor.

Que se pode atopar da súa obra na biblioteca de Vilalba?
A obra de Carvalho é enciclopédica. Poucos autores teñen tal cantidade de libros, artigos e estudos publicados. Na biblioteca de Vilalba temos case toda a parte de creación: as novelas Scórpio e a Xente da Barreira, poemarios, teatro... Da obra de investigación destacaría a súa Historia da Literatura Galega. Todos eles están dispoñíbeis ao préstamo.

Algún outro autor/autora que considere merecente de recuperar o de dedicarlle o 17 de maio?
Os que non somos nin nunca seremos académicos temos a sorte de non ter que nos meter nese fregado, mais estaría ben facer algunha homenaxe colectiva máis, que nos dan máis perspectiva do que celebrar a obra e milagres dunha persoa.

"De Carvalho Calero destacaría a súa capacidade de traballo e o seu...
Comentarios