En que consistía o seu traballo como xefe de distribución da oficina de Correos de Vilalba?
Levaba a coordinación de todo o reparto e da xente que o facía, non só en Vilalba, senón tamén nos concellos de Abadín, Muras e Xermade, que dependen desta oficina. Así, eses catro concellos funcionan como se fora un só. Cando cheguei aquí eramos 40 persoas e agora somos 20.
Tras 39 anos entre cartas e paquetes, como afronta a xubilación?
Eu pensaba que ía ser unha marabilla (ri), pero de momento, nestes días que xa non traballei, fáltame algo despois de tanto tempo. Despois duns días estarei máis afeito, pero agora fáltame desenchufar. Ademais, sigo recibindo chamadas de xente, que me pregunta pola xubilación, e tamén para resolver dúbidas.
Que botará máis de menos?
O trato cos compañeiros, estamos moi unidos. Ao final son moitas horas xuntos e é como unha familia. E tamén a tensión de sacar o traballo adiante, porque eu son así, nervioso. Pero sobre todo o trato coa xente, porque grazas a este traballo coñezo o 90% da poboación de Vilalba e arredores. E sei que aínda que a vexa pola rúa non é a mesma cousa.
Algunha anécdota que recorde?
Moitas! Hainas todos os días e ademais, como teño un carácter bromista, sempre estou con algún comentario ou trasnada. Cando repartía pola rúa, metíalles aos compañeiros nas bolsas unha pedra, un ladrillo... Xa sabían que estando conmigo algo podía pasar (ri).
Como é agora o oficio?
Agora o carteiro pode facer absolutamente de todo. Cando empecei, todos os trámites eran en papel e o que manexabamos era correspondencia e notificacións. Pero os tempos foron cambiando e agora principalmente nos centramos en paquetería e notificacións, e fóronse creando cousas novas e un carteiro hoxe é unha multiempresa: recolle paquetería, vende seguros, cobra todo tipo de recibos e impostos, vende billetes de Renfe e entradas a espectáculos, leva cartos para non ter que ir buscalos ao caixeiro...
Cambiou moito todo desde que comezou hai case 40 anos.
Si, sobre todo pola informatización de todo o sistema e polo descenso do volume de correspondencia, que fixo que Correos teña que buscar outras alternativas para compensar esa baixada.
Serán substituídos polos drons?
Todo ten o seus pros e as súas contras. Un dron pode chegar a sitios illados pero dubido que sexa moi fiable en poboacións máis grandes. Na zona urbana facemos cada vez menos falta, pero no rural de momento si, porque hai moita xente maior que segue recibindo facturas en papel e á que un carteiro lle leva tamén outros servizos á casa. Moita desa xente agarda a nosa chegada para ter con quen falar.
Que é o mellor e o peor desta profesión?
O mellor é o trato coa xente. O peor, cando se daban malas noticias cun telegrama ou persoas ás que lles levas unha multa e non a queren. Tamén se pasa moi mal ao principio cando non coñeces o sitio, pero despois tratar coa xente todos os días é marabilloso.