Un carro e unha carreta para ir de excursión

A Anpa do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei sortea dúas orixinais cesta de Entroido para recadar fondos para a viaxe de fin de curso 

Escolares e membros da Anpa do Ramón Falcón, co carro que sortean. C.PÉREZ
photo_camera Escolares e membros da Anpa do Ramón Falcón, co carro que sortean. C.PÉREZ

Un carro e unha carreta. Dous vehículos de sempre, cheos a rebentar. Quizais quen os leve teña que buscar axuda para transportalos. Porque si, ademais do contido, o premio inclúe o peculiar continente. Esta é a orixinal proposta coa que a Anpa do Ceip Falcón de Castro de Rei busca redacar fondos para a excursión de fin de curso que farán no mes de maio os 25 alumnos de quinto e de sexto de primaria deste centro educativo.

"Levan un pouco de todo, produtos típicos do Entroido, alimentación, bebidas, pequenos electrodomésticos...", resumen dende a asociación de pais e nais, agradecendo a ampla colaboración prestada por negocios e comercios para poder darlle forma a estas dúas particulares cestas de Entroido, que sortearán o vindeiro 3 de marzo, no decurso da tradicional feira en Castro de Rei.

O sorteo farase de forma presencial, polo que todos aqueles que teñan rifas deben acudir á feira, xa que se irán sacando números ata que apareza o afortunado ou afortunada. O primeiro, será para o carro. O segundo, para a carretilla.

O sorteo realizarase de forma presencial na feira do 3 de marzo e os agraciados levarán produtos de todo tipo

Mais esta non será a primeira vez que o carro faga acto de presenza nunha feira. Mentres a carretilla permanece aparcada, e exposta, no bar Ruta do Azúmara para que quen queira poida facerse a idea do que podería gañar, o carro andou de feira en feira. Pais, nais e alumnado visitaron as últimas convocatorias dominicais de Meira ou de Castro de Rei —os mestres tamén os acompañaron á feira de Castro—, para amosar o premio e incentivar a venda das rifas, que se poden adquirir ata o propio día do sorteo por 2,5 euros. 

Carreta de Entroido. C.PÉREZUn módico prezo para unha gran recompensa e ademais, por unha boa causa, cumprir a ilusión dos pequenos de gozar dunha gran viaxe de fin de curso, que para a metade deles —son doce de quinto e 13 de sexto— suporá tamén a despedida da escola. Por iso, no centro tamén están implicados na recadación, con lotaría ou outras actividades.

A maiores desta iniciativa, que se fai por primeira vez e que está a ter boa acollida, faltándolle aínda a recta final, a Anpa do Ceip Ramón Falcón tamén está mergullada noutros proxectos, coma un obradoiro de disfraces para preparar as caracterizacións de cara ao Entroido.

Por outra banda, e xa fóra destas datas, a entidade, que suma ao redor de 80 socios, mantén durante todo o curso un obradoiro de baile no centro educativo e promove outras actividades puntuais, como a festa de Nadal ou as excursións.

Comentarios