Carreira conxunta cara aos 100

Josefa Piñeiro, coñecida por moitos vilalbeses como a calcetadora de Lanzós, cumpre este martes un século de vida. Un aniversario que celebrou por adiantado rodeada dos seus nove irmáns, que seguen a súa estela de lonxevidade 
Josefa (centro), rodeada dos seus nove irmáns. M.MANCEBO
photo_camera Josefa (centro), rodeada dos seus nove irmáns. M.MANCEBO

A sonrisa non se lle borra nin por un segundo da boca. Está feliz e rodeada do que máis quere. E encima celebrando un novo ano, e non é un calquera. Josefa Piñeiro Pernas, coñecida por moitos vilalbeses como a calcetadora de Lanzós, festexou este domingo o seu aniversario cunha comida en familia, aínda que será este martes cando cumpra oficialmente os 100.

"Nacín o 21 de marzo de 1923", empeza o seu relato unha muller que se adicou a traballar "no agro" e a "andar coas vacas" dende nena, e que despois pasou a coser polas casas. "Viñan dúas rapazas comigo a aprender", conta, mentres explica que co tempo adquiriu unha máquina de calcetar coa que estivo traballando ata o ano 93.

"Fixen prendas a feito", di, consciente de que en moitos armarios de Vilalba aínda hai pezas elaboradas polas súas prodixiosas mans, as mesmas que hoxe terman dun bastón ao que tivo que recorrer "pola falta de equilibrio". Se non fose por iso "está estupenda", din as súas irmás, que envexan "a boa cabeza que ten" e a capacidade para recordar tempos pasados.

CENTENARIA LANZÓS 4
Josefa Piñeiro. M.M.

A eles volve cando pensa "na casa vella" na que se criaron na parroquia de Lanzós, non moi lonxe de onde vive hoxe, e que "tiña diante un alpendre cheo de palla". Nela foron "moi felices naquela pobreza", contan.

"Nunca me faltou de nada, sempre estiven moi unida á familia e tiven boa saúde", afirma Josefa, que quedou solteira coma a súa irmá Angelita, coa que comparte os días e unhas rutinas que non cambian pese ao paso dos anos.

"Tomo medio vaso de viño á comida e outro á cea. E o café, sempre a mediodía", explica, asegurando que lle gusta moito comer, "especialmente o cocho, se me falta non sei que vou facer", di mentres ri.

"Nunca tiven que gardar réxime e agora só tomo o sintrom, un protector de estómago e un paracetamol se me doen as pernas", detalla sobre os seus coidados, afirmando que o médico xa lle dixo que o que ten "é cousa da idade e que xa non hai que facerlle".

E algún soño por cumprir? "Ter menos anos para poder ter WhatsApp e ordenador", di unha das súas sobriñas netas, mentres ela asente afirmando: "Sempre me gustou saber".

Como tamén lle gustou pasar tempo coa familia, que aínda ten a tradición de reunirse polo menos dúas veces ao ano. Encontros nos que Josefa pode desfrutar aínda de nove dos once irmáns que tivo. "Só faleceron dous: Leonor, con 93, e Darío, con 82", explica, mentres mira para o resto que segue a súa estela de lonxevidade con moita saúde e vitalidade.

E é que os Piñeiro Pernas son de "cepa dura", como eles mesmo din entre risas, e van poder facer unha carreira conxunta cara aos 100. Xa que despois de Josefa vén Norberto, con 96 anos; Angelita, con 95; María, con 92; Eduardo, con 91; Pura, con 89; Margarita, con 87; Manolo, con 86; José, con 85, e Demetrio, con 80.

"Eu fágolles o camiño, xa verán eles se o queren seguir", di a case centenaria, mentres se despide: "Vémonos o ano que vén". E que sexa por moitos máis, Josefa.

Comentarios