Carmen Uz: "Calquera pode atopar algo co que gozar na Moexmu"

A xornalista pastoricense dará o pregón inaugural en Muimenta
Carmen Uz. XESÚS PONTE
photo_camera Carmen Uz. XESÚS PONTE

Carmen Uz criouse nos lindes de Baltar (A Pastoriza) e Prevesos (Castro de Rei). Fíxose xornalista na facultade de Santiago e en El Progreso, onde exerceu sempre. Ten dous fillos e reside en Lugo. A crianza e a terra son algúns dos seus intereses. E gústalle a gastronomía!

Será a pregoeira da XXXIX Moexmu. Ten pensado o seu discurso?

Teño algunhas ideas que poñerei sobre o papel porque a improvisación non é un dos meus puntos fortes. E penso que o pregón dunha feira con tanto traballo detrás merece ser algo coidado. Que logo guste ou non xa é outra cousa!

Que lle fai sentir que conten con vostede?

Faime sentir agradecida porque se os veciños de Muimenta me propuxeron será porque me aprecian persoal ou profesionalmente. Tamén sinto responsabilidade porque, cando unha fala para os demais, nada do que di ou deixa de dicir é gratuíto. E gústame que pensasen nunha muller.

Que opina da Moexmu?

É unha feira moi completa, onde case calquera pode atopar algo co que gozar, porque aínda que o gando e a maquinaria mandan, tamén hai artesanía e gastronomía, e ademais vai incorporando actividades novas.

É a tesoureira da asociación Amigos da Feira. Cal é a súa función?

Son tesoureira porque alguén tiña que selo, pero somos un grupo no que cada un fai o que pode. Agora estamos preparando varias actividades para maio: unha excursión á mina de Arnao e o roteiro polo Azúmara, día no que conmemoraremos o 25 aniversario da asociación.

Tamén é a presidenta da Asociación de Prensa de Lugo dende o pasado verán. Está contenta?

Si, estamos sumando novos compañeiros, e iso sempre é bo para a profesión. Hai persoas moi implicadas grazas ás que imos facendo cousas, menos das que nos gustaría, e adoitan ter boa acollida.

Como fai para xestionar todas as súas responsabilidades?

Pódese deducir... Quen moito abarca...

Cales son as calidades para ser un bo profesional da comunicación?

Ter os ollos e as orellas abertas e ter certa capacidade para relacionarse coas persoas. Cuestionarse sempre todo, contrastalo todo, facer moitas preguntas e poñer contexto creo que tamén son prácticas fundamentais.

Que é o que máis goza do seu traballo?

Traballar nun medio xeneralista obriga a escribir de moitas cousas diferentes e iso é estimulante, e tamén frustrante por falta de tempo para profundar nelas. É interesante a posibilidade de coñecer persoas distintas. E gústame a documentación previa.

Como ve o xornalismo actual?

Hai unha parte que ten pouco ou nada de xornalismo (os clickbait, as fake news...). O bo é que cada vez hai máis exemplos do contrario, de xornalismo sosegado e rigoroso, pero hai que buscalo e pagalo. Ese cambio de paradigma non o vexo fácil. Estanse facendo cousas interesantes, por exemplo os podcast. Outro problema importante é a precariedade laboral porque impide estar centrado e motivado.

Que fai no seu tempo de lecer?

Traballo e teño dous fillos pequenos, así que me debato entre a necesidade de buscar tempo para min e a culpa por sentir esa necesidade, algo que creo que nos pasa ao 100% das nais e a algún pai. Dito isto, camiñar polo monte e tomar café cos amigos son cousas que me fan sentir ben.

Comentarios