"Hai case 40 anos, un grupo de persoas pensaron que podían argallar algo para darlle máis vida a Muimenta, e aquí estamos hoxe, nunha das grandes feiras agrogandeiras de Galicia", destacaba onte a xornalista chairega Carmen Uz no pregón inaugural da XXIX Moexmu, unha intervención "entre veciños" e "caras coñecidas" na que facía fincapé nos piares da cita, a unión veciñal e o sector agropecuario.
A pregoeira lembrou o "poder dos cidadáns para cambiar cousas", con exemplos coma a actividade do asociacionismo local ou as loitas contra a explotación do seixo ou polas melloras no trasporte e, por suposto, a posta en marcha desta feira multisectorial "que repercute economicamente moito máis aló de Muimenta" e na que tradición e modernidade van da man.
Alí, no recinto feiral Manuel Vila, pódense atopar durante toda a fin de semana novidades en maquinaria, sistemas de muxido ou estabulación, ver desfilar os mellores exemplares frisóns no único concurso de gando da provincia -este sábado, todo o día, con 18 ganderías e máis de 80 cabezas, xulgado por Pol Collell-, gozar da mostra de rubia galega ou asistir á poxa -este sábado, 12.30 horas-, na que se venderán unha decena de reses.
A presidenta da Asociación da Prensa de Lugo e xornalista de El Progreso tamén botou a vista atrás para falar dos lazos persoais con Muimenta, como os buses que a acompañaron na etapa educativa, a autoescola ou eses locais de ocio onde ata coñeceu "ao pai dos meus fillos", e coa gandería. Na casa dos pais de Carmen había vacas, das que quixo "escapar", pois coidar delas significaba "non poder dispoñer case nunca do tempo dun". Mais iso non supón que non garde grandes recordos, coma os da querida Ratina, "moi fermosa, de pestanas longas e andar pausado", que permitía que súa irmá e ela lle subisen "ao lombo cando estaba deitada".
A pregoeira incidiu en que, malia os avances, as granxas seguen a afrontar problemas, coma a suba dos custos ou a falta de terras e de man de obra, e aproveitou para rexeitar estereotipos que perviven sobre o rural. Porque, asegurou, "Muimenta é un exemplo de que hoxe no rural faise o mesmo que nunha cidade, coa única diferenza de que hai máis dependencia do coche e menos servizos".
As palabras de Carmen Uz pechaban un acto que se abría coa música de Asubíos da Chaira e co tradicional corte de cinta e o desfile de autoridades polo recinto. Entre elas, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, que se referiu á Moexmu coma "o epicentro do sector primario de Galicia" e o "gran escaparate do campo", unha idea na que incidiu o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, que aludiu á feira como "o referente de Galicia", e xa non só pola gandería, senón polo resto da oferta -artesanía, gastronomía...-, avanzando un inminente convenio para mellorar o recinto, que tamén acolle a Festa da Filloa.
A primeira xornada, dedicada á veciñanza e que incluíu o segundo certame de preparadores —houbo preto dunha decena de participantes—, tamén contou coa presenza de varios alcaldes e concelleiros, da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e do presidente da Deputación, José Tomé, quen incidiu nas posibilidades dun rural "cheo de recursos e de xente con ideas", e no "bo traballo, ilusión e compromiso" dos que fan posible a Moexmu.
Ás administracións, empresas colaboradoras e todos os que achegan o seu gran de area tamén lles manifestou o seu recoñecemento o coordinador da feira, José Manuel Rus, recordando que pouco ten que ver aquela cita de 1985 coa presente, unha transformación e evolución na que teñen moito que ver as comisións organizadoras, cun recordo especial para aqueles que xa non están, como Manolo Darriba, parte da organización en 1988, 1993 e 1998.