Carina Iglesias: "A festa é un dos sinais de identidade que hai en Bretoña"

A Festa da Bola de Liscos e das Freces volve a Bretoña o día 23. Será a segunda edición que se celebra despois dun parón de catro anos, tres deles polo coronavirus, e a primeira con Carina como presidenta da asociación, que mudou de directiva recentemente
Carina Iglesias. D.CENDÁN
photo_camera Carina Iglesias. D.CENDÁN

Unha festa gastronómica de renome na Terra Chá e un dos máximos atractivos culturais de Bretoña, en boca da presidenta da asociación que a organiza, Carina Iglesias, na que as bolas de liscos e as freces son as protagonistas. E de que maneira, xa que é moi raro a edición na que non se acaben. Este ano, como xa pasou en 2022, todos os larpeiros que non fallan a esta cita que combina habilmente doce e salgado poderán voltar e gozar dos dous manxares.

Que significa para Bretoña a Festa da Bola de Liscos e Freces?
Aquí é un día de festa no que a xente se xunta nas casas para comer e no que todos os veciños o pasamos ben xuntos e nos encontramos. Tomámola como se fose unha festa normal e gozamos moito dela. É un dos sinais de indentidade que hai en Bretoña.

Que achega a nivel cultural e económico?
O principal é que dá a coñecer Bretoña na distancia. Despois, que atrae moita xente ata aquí, ademais de que economicamente é un empuxón, xa que as bolas de liscos e as freces véndense moi ben sempre.

O máis común é que sempre se esgoten as bolas de liscos e tamén as freces.
E iso é un sinal moi bo e unha alegría moi grande para nós, como organizadores. O ano pasado foi tal a demanda que os da asociación tivemos que quedar sen probalas (ri).

A bola de liscos é máis común, pero, que son as freces?
Son unha especie de sobremesa típica desta zona, que se facía sobre todo para os que tiñan traballos duros, no monte, por exemplo. Están feitas a base de ovo, fariña, leite, manteiga e pan, e adóitase aderezalas con mel ou con azucre. A receita que se ofrece na feira mudou un pouco. Antes era máis pastosa, e en cambio agora é máis sólida, con forma de migas. Notamos que á xente lle gustan máis así.

Este ano xa temos confirmados moitos máis artesáns e postos

Hai cambios con respecto á festa do ano pasado?
Sobre todo en tamaño, xa que a do ano pasado foi algo pequena, e este ano xa temos confirmados moitos máis artesáns e postos. É o noso obxectivo, que vaia medrando ano a ano, e, á longa, ir implementado cousas, como poden ser unhas xornadas para cocer no forno do CIN.

Como foi a súa chegada á presidencia de Amigos da Feira?
Cando a festa parou, a directiva estaba cansada e un grupo de xente animámonos a continuar. Unha vez aí, repartimos postos, e eu acabei aceptando o de presidenta. A idea é facelo como os de antes, pero con ilusións renovadas.

Unha vez no posto, cales son as súas primeiras sensacións?
Que dende fóra todo parece máis fácil que dende dentro. Unha vez aquí, sempre acaba xurdindo algún problema, hai moitas enleadas... Pero teño a sorte de que somos un grupo coñecido e moi unido, e que a anterior directiva nos bota unha man no que pode. Temos moita axuda.

Esperábase acabar exercendo este posto na asociación?
Para nada, era algo co que non contaba. A miña idea é estar uns anos e despois darlle paso a outra persoa, non quero estar moito tempo. Son partidaria das renovacións e de que a xente nova e con ilusión colla o relevo.

Nesta edición vai haber feira de artesanía e unha exposición de tractores e coches antigos

Con que ideas chegan á directiva?
Coa de retomar os anos máis fortes da festa. Nesta edición vai haber feira de artesanía e unha exposición de tractores e coches antigos, por exemplo.

Ademais deste posto, é profesora de FP. Como fai para evadirse e desconectar?
Gústame moito tomar algo polos bares de Bretoña, facer rutas de sendeirismo e ler.

Comentarios