Ao lugar chegan diversas estradas que conflúen na rotonda de Momán, xunto á capela de San Antonio. Para baixar á carballeira é preciso atravesar o campo da feira e baixar cara o campo de fútbol da Veiga. Ao carón mesmo sitúase a carballeira.
Parque infantil
Ademais de mesas habilitadas para facer merendas, nas inmediacións da carballeira hai un parque infantil dotado de bambáns, balancíns e unha casiña de cores onde poden xogar os máis pequenos.
A Veiga
O campo de fútbol da Veiga, situado xunto á carballeira, é onde xogaba como local o primeiro equipo da Sociedade Deportiva Momán e o de veteráns. O club, fundado no ano 1998, non compite na actualidade en ningunha liga.
O rural sofre un duro proceso de abandono que se confirma coa perda das tradicións. As comidas campestres nas que se xuntaban familias enteiras para comer baixo a sombra dun carballo van desaparecendo nas vilas que pouco a pouco perden aos seus veciños.
Aínda así, o rastro desas lembranzas permanece intacto, como o fai a carballeira de Momán. Un lugar que ata mediados dos anos 90 celebraba unha feira de artesanía destacada para o pobo xermadés.
O viño iba pasando de mesa en mesa, as empanadas enchían o lugar dun apetitoso recendo e os fogóns do pulpeiro avisaban de que se aproximaba unha xornada de festa e diversión.

Eses recordos inundados de tradición gárdaos Verónica Amarelo, nacida en Xermade e agora veciña da parroquia de Piñeiro. Unha xermadesa comprometida coa súa terra que garda con ledicia as lembranzas da súa infancia.
"Á carballeira iamos todos cando era a feira de artesanía e alí xogabamos dende os máis novos ata os máis maiores", conta Verónica co seu característico ton alegre. A nena que nos anos 90 era Verónica desfrutaba de ver ao seu pai xogar coma ela, pero aínda o pasaba mellor cando tiraba da corda toda a familia, competindo contra outra da redonda.
Para Verónica esas anécdotas que permanecen no seu recordo son sinónimo de "infancia, de celebración e de unión entre familiares e veciños". Unha unión que o abandono do rural vai afrouxando e que os fillos de Verónica xa non coñeceron.
O que por sorte poden coñecer os máis novos é a carballeira, pois alí fica, recuberta de árbores autóctonas para facer sombra sobre a decena de mesas de madeira e pedra que enchen o lugar.

O vento que move as pólas das árbores e os paxaros que pían sen cesar converten a este espazo nun lugar para descansar. Un plan relaxado ao que Verónica invita "tanto a turistas como á xente da zona" e para o que propón "armar unha merenda e desconectar do día a día".
En soidade ou con compañía, a carballeira é unha opción perfecta para coñecer os fermosos recunchos que acochan a decena de parroquias que conforman o municipio chairego de Xermade.