jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Carabullo: Seguindo as ondas de Vibuba e Souto

Carabullo. C.PÉREZ
Carabullo. C.PÉREZ
O equipo da Ponte de Outeiro, fundado hai oito anos como froito do interese de Ismael e de Charli por un deporte do que oíran falar na radio, conta esta tempada con 15 integrantes dispostos a divertirse xuntos nunha tarde de sábado

Ismael García é o cocapitán de Carabullo e un dos principais culpables da difusión da billarda na Chaira. E todo porque un día escoitou na Radio Galega o programa Aberto por Reformas de Xurxo Souto, no que este e Xermán Viluba, do Varal, falaban da billarda. "Chamoume a atención e fun a un aberto", lembra Ismael. E ata hoxe. 

Outro dos referentes do equipo, Charli, e el comezaron a xogar e fóiselles sumando xente. "Hai que vivilo, non agobia, se podes ir vas, senón non e non pasa nada, porque o que prima é a amizade, non a competición", resume Ismael.

Hai oito anos creábase o equipo Carabullo na Ponte de Outeiro para competir na liga, no que esta tempada se integran os irmáns Miguel, Dani e Javi Morán, Rodrigo, Santi, Tomás, Migho, Chousa, Manu, Albino, Sofía, Diego e Irea.

"Empecei con trece anos, fun probar ao aberto da Ponte de Outeiro, porque era preto da casa, alí no campo da festa, que é un lugar moi bonito, Ismael xogaba e chamábame a atención", explica Irea Rodríguez, quen aos 18 anos, é a cocapitana do equipo e unha xogadora brava (moi boa), tal e como a difiniron os italianos hai só uns meses, cando acudía coa asociación Xotramu a un encontro de xogos tradicionais en Verona, "un intercambio cultural enorme" no que a delegación chairega amosou xogos galegos, coma a billarda, e competiu nun deporte similar propio de alá.

"Eu non lle chamaría competición, porque eu vou a facelo o mellor que podo, a pasar a tarde, porque é moi divertido", di unha moza que lembra os tempos non tan lonxanos nos que había ata tres equipos na zona de Muimenta, de onde é ela. 

"Unha vez que te enganchas xa non hai quen te pare, nunca pensei que me ía gustar tanto", asegura, e anima á xente da súa idade a probar un deporte "ao que xa xogaban o meu avó e a miña avoa, e iso aínda me dá máis ganas de xogar"

O ver que os seus veciños xogaban á billarda foi o que levou a Santiago Crecente a probar sorte en 2016 "para ter a fin de semana ocupada". E aí segue, polo "bo ambiente", porque é "unha forma agradable de pasar a tarde do sábado ou do domingo"· e porque "sempre é interesante recuperar un deporte tradicional". 

Carabullo: Seguindo as ondas de Vibuba e Souto
Comentarios