viernes. 25.06.2021 |
El tiempo
viernes. 25.06.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: MURAS

A capital do vento mira cara ao ceo estrelado

2019 ▶ Acampada astronómica en familia no Viveiró. AEP
2019 ▶ Acampada astronómica en familia no Viveiró. AEP
O municipio recibiu o selo Starlight, un dos principais logros dos últimos anos, que lle permite ser un foco turístico astronómico
Veciñanza
En 2006, Muras contaba cun total de 926 veciños censados, 15 anos despois, só ten 619. A idade media é de 57,52 anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige). É, ademais, o segundo concello con menos habitantes da nosa particular Chaira, un título que ostenta Ribeira de Piquín con 513. 
Onde están os marcos?
O municipio, que limita cos concellos chairegos de Xermade, Vilalba e Abadín, cos mariñaos de Ourol e do Valadouro e coas Pontes, na provincia da Coruña, ten unha superficie de 163,82 quilómetros cadrados, repartida en oito parroquias: Ambosores, A Balsa, O Burgo, Irixoa, Muras, Silán, O Sixto e O Viveiró. 
Quen manda aquí?
O popular Issam Alnagm Azzam cedeu a alcaldía no 2015, despois de 24 anos, ao nacionalista Manuel Requeijo, que aínda mantén o bastón de mando con tres concelleiros, aliados nunha coalición co PSOE, representado por Mario Rouco. O PP, na oposición, suma tres edís. A súa voceira, María Eugenia Requeijo, recolleu a testemuña de seu pai, Danilo.
Para botar un pé
Muras celebra as festas patronais no mes de xuño na honra de San Pedro e da Virxe do Cobre. A súa Feira do Poldro conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, e nos últimos anos sumou tamén as celebracións da Romaxe Artesá da Chaira e da Feira do Mel de Montaña.

A capital do vento conseguiu ascender ata o ceo ao recibir o selo Starlight, un recoñecemento que sitúa Muras como destino turístico astronómico, un dos principais logros acadados ao longo destes 15 anos de Chaira.

O distintivo chegou en 2020,  logo dun arduo traballo desenvolvido dende o Concello, que apostou por aproveitar as súas potencialidades promovendo todo tipo de iniciativas que miraban a ese universo estrelado: cursos, obradoiros de astrofotografía, acampadas en familia ou excursións de escolares. Calquera escusa foi boa para amosar Muras ao mundo.

Un municipio que se une ás Illas Cíes e ao concello ourensán da Veiga como únicos destinos en Galicia con este recoñecemento, que constata as bondades dun ceo limpo grazas á altura á que se atopa, á súa proximidade co mar e á baixa contaminación lumínica polo factor despoboamento e polo alumeado de baixa afectación que se instalou.

Pero nestes anos, Muras tamén foi foco de atención por outras cuestións de diversa índole. Unha delas, o terremoto político que supuxo a marcha de Issam Alnagm Azzam logo de 24 anos na alcaldía, así como polos problemas xudiciais derivados do seu proxecto estrela da aldea etnográfica de Carelle Grande —foi inaugurada en 2014 pero nunca chegou a funcionar—, un enclave no que o actual equipo de goberno está traballando para darlle diferentes usos. 

Ademais, este pequeno recuncho chairego tamén saltou ás páxinas deste suplemento e doutros xornais pola merecida declaración da súa Feira do Poldro e Gando do Monte, con varias décadas de historia, como Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento que chegou no ano 2018.

Un motivo máis para visitar este paraíso en plena serra do Xistral, no que tamén naceron nos últimos tempos outras citas de promoción como a Romaxe Artesá da Chaira, que vén de celebrar a súa quinta edición na área recreativa da Veiga, ou a Feira do Mel de Montaña, que se desenvolve no Viveiró dende o ano 2015.

A todas estas novidades uniuse unha vez máis a forza dese vento que move os 381 muíños que están repartidos entre 20 parques no municipio, e que fan de Muras a capital eólica de Galicia.

Para contrarrestar todas esas décadas nas que os veciños levan soportando o ruído e o impacto visual destes xigantes brancos, o Concello decidiu idear unha forma de distribuír os beneficios entre a poboación, para que a factura da luz voe co vento.

Así, dende o ano 2016 subvenciona con fondos das arcas municipais —destina ao redor de 70.000 euros ao ano— o pago deste produto de primeira necesidade, unhas axudas das que se que benefician ao redor de 175 familias, e que non só continúan, senón que crecen.

De feito, na última convocatoria, o goberno local incrementou a contía ata os 90.000 euros para, ademais de axudar ás economías domésticas, financiar a factura da luz para pemes e para autónomos, con axudas que chegan ata os 1.500 euros.

Iniciativas ás que se suman a mellora de insfraestruturas —como por exemplo a rehabilitación da Casa do Médico—, o proxecto da posta en marcha dun novo polígono industrial, a creación de novas rutas de sendeirismo ou sendas peonís ou a apertura de novos servizos como o Punto de Atención á Infancia para facer de Muras un recuncho mellor e máis atractivo na intensa e difícil loita contra o despoboamento.

Protagonista
imgDataAntía Cal. A pedagoga Antía Cal, que o pasado mes de abril cumpriu 98 anos, dálle nome ao colexio de Muras dende 2015, unha sentida homenaxe na que tamén se lle outorgou o título de Filla Adoptiva do concello. A mestra gravou en 2016 a película documental ‘A palabra xusta’, un proxecto que lle permitiu volver á súa casa no Mesón e compartir tempo cos pequenos do centro educativo, que tamén aparecen na peza audiovisual.

A capital do vento mira cara ao ceo estrelado
Comentarios