Juan Pablo Alonso Rolle, párroco da Unidade Pastoral de Vilalba, comunicou que o único templo que permanecerá aberto ao público na parroquia mentres se prolonguen as medidas decretadas polo Goberno será a capela de San Roque.
O templo vilalbés, localizado na Rúa Conde Pallares, poderase visitar libremente para a oración individual dende as nove da mañá ata as nove da noite. O aforo está limitado a un máximo de tres persoas a un tempo e aos fregueses que acudan lémbraselles tamén a necesidade de manterse a un metro de distancia uns dos outros.
Alonso Rolle precisou que se retiraron os bancos da capela, deixando só os dous de diante, para facilitar o cumprimento das normas. Baixouse o santo e os que acudan poderán acender candeas ou depositar flores se así o desexan.
O párroco vilalbés destacou tamén que o que xa é o único punto de devoción ao que se pode acceder da parroquia estará iluminado de xeito permanente, tamén pola noite, unha vez se pechen as súas portas.