Recunchos a descubrir

Capela das Neves de Suegos (Pol): Lenda, nevarada e tradición popular

Conta a lenda que un 5 de agosto caeu unha nevarada en Suegos e alí se construíu unha capela alá polo século XVII

Área recreativa da Capela das Neves. C.PÉREZ
photo_camera Área recreativa da Capela das Neves. C.PÉREZ
O lugar
A ermida está na Agra das Neves, nun alto da parroquia de Suegos, preto do lugar de Regueira, a un quilómetro da igrexa. Preto desta hai un desvío dende a LU-P-1203 que leva a ela.
Curiosidades
A capela é da Igrexa, pero os terreos do Campo das Neves son de media ducia de veciños. Ao seu carón pasa un antigo camiño que se cre que unía Monforte e Castro de Rei.  
Advocación
Aínda que se coñece como capela das Neves, nela tamén se honra a San Bernabé. Antes había dúas festas e hoxe mantense a de agosto. 
 

Capela das Neves. C.PÉREZConta a lenda que un 5 de agosto nevou en Suegos (Pol). E tamén que no Monciro había unha vella ermida, moi deteriorada, polo que os santos se baixaron á igrexa. Pero á Virxe das Neves non lle gustou a idea e disque retornou ela soa ao monte, polo que o señor de Suegos fixo construír unha capela onde caera a atípica nevada.

Fose cal fose o motivo que levase a erguer esa solitaria ermida hai centos de anos —crese que data do século XVII e hai unha referencia escrita dunha visita pastoral en 1702, segundo lembra o estudoso da historia local Manuel Labrada, que conta tamén que San Xosé María Díaz Sanjurjo, natural de Suegos, mandara agasallos para a capela dende as misións—, o certo é que o sitio escollido, que segue a ser punto de peregrinación para moitos fieis, é hoxe un espazo de lecer onde gozar da natureza e dunhas vistas privilexiadas.

Vistas dende a área recreativa da Capela das Neves de Pol. C.PÉREZOs acordos do monte entre veciños e Icona —que pasaría a ser o Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria en 1991— a comezos dos 90 posibilitaron a creación dunha área recreativa no contorno da ermida, onde xa había unha fonte. E aí, unindo tradición, relixiosidade e natureza, mantense un espazo para compartir unha merenda, descansar dunha andaina ou, simplemente, respirar.

 

Comentarios