Capela de Carballido: camiño peregrino, do coitelo á fonte

Unha obra do escultor Xabier Quijada vén de engadirse ao conxunto que xa formaba esta ermida, porta de entrada en Begonte da ruta xacobea do Norte
Capela de Carballido, co novo conxunto escultórico e a antiga escola ao fondo. C.PÉREZ
photo_camera Capela de Carballido, co novo conxunto escultórico e a antiga escola ao fondo. C.PÉREZ
O lugar
Na N-6, en Pacios, hai que coller o desvío que indica cara a Carballido e cara a capela e seguir recto 1,4 quilómetros.
Advocación
Está dedicada a San Adrián e San Xiao, mais tamén se venera á Nosa Señora da Ascensión.
Curiosidades
Segundo escribe José Manuel Blanco Prado, "tanto na antiga capela como na actual, houbo hai anos un mordomo que tiña como función recadar a esmola dos devotos de ambos dous santos e empregala en sufragar os actos relixiosos e profanos da festa".

Vista da capela de Carballido a través da fonte. C.PÉREZ
Vista da capela a través da fonte. C.PÉREZ

"A este recinto sagrado, acudían romeiros ofrecidos por doenzas humanas, o que motivaba que levasen a cabo unha serie de rituais. Era moi relevante o ritual do coitelo do San Adrián, consistente en pasar un coitelo de madeira bendicido pola parte doente. Este instrumento era realizado hai anos polo veciño do lugar Manolo Rodríguez Ferreiro", escribe o estudoso José Manuel Blanco Prado, nun artigo de Galicia Dixital, lembrando unha das tradicións dos devotos que acudían á Capela de Carballido de Pacios, onde tamén se impoñía o santo ou se facía soar a súa campá para afastar as treboadas.

A ermida sitúase nunha encrucillada de vellos camiños, entre eles un real, que unen a N-634 e a N-6, deixando ao seu paso árbores, valados e pequenas aldeas. Unha paisaxe similar á que se atopan os cada vez máis numerosos peregrinos que percorren o Camiño Norte cara a Compostela, e que reciben a benvida ao concello begontés neste recuncho ao que acaba de unirse unha obra de Quijada.

Unha fonte e uns bancos de pedra completan un conxunto no que xa estaban integrados a vella escola, hoxe local veciñal, unha pista polideportiva que permite probar puntería no baloncesto e a harmonía coa natureza que se respira ao pé da capela.

Fonte e bancos de pedra de Quijada, coa pista polideportiva ao fondo. C.PÉREZ
Fonte e bancos de pedra de Quijada, coa pista polideportiva ao fondo. C.PÉREZ