Os cantores Quintas Canella e Miro Casabella entran na tribo da Chaira

Xermolos e a Irmandade Manuel María impulsaron un acto no que os dous músicos, arroupados por numerosos amigos, recibiron en Vilalba sendos títulos de Chairego de Honra

Dous grandes cantores galegos, Pepe Quintas Canella e Miro Casabella, entraron este sábado en Vilalba na tribo da matria Chaira da man da Irmandade Manuel María e da asociación Xermolos, que os elexiron para ser distinguidos, xuntos, como chairegos de honra, pola amizade que os une, as semellanzas musicais e "como novidade".

"A máis grande recompensa é a vosa amizade", asegurou Quintas Canella, orgulloso de formar parte dunha tribo á que accedeu, no que ve como unha entrada "terapéutica" da man do "clan dos lugueses": o seu compañeiro de homenaxe, Miro, e os chairegos Mini e Mero.

Deles, e por extensión dos seus veciños, destacou o "carácter porfiado, firme e perseverante" e tamén a súa "extrema xenerosidade, cos alleos e cos propios". Adquiriu ademais o compromiso de actuar coma "un chairego de verdade" en representación dunha terra que ten un "formento que leveda boa parte da masa cultural de Galicia".

Pilocha definiu a ambos protagonistas coma "guerrilleiros da melodía" e Mero salientou a súa "loita pola dignidade"


A amizade entre Quintas e Casabella remóntase a 1972, segundo recordou o propio Miro, quen aproveitou para reivindicar o oficio de cantor e a necesidade de que as súas actuacións teñan unha contraprestación económica "porque o cantor necesita uns recursos para poder vivir". Aínda así, recoñeceu que foron moitas as intervencións feitas de xeito altruísta, movidas "pola necesidade de facer país e seguir mantendo a nosa cultura e o noso idioma".

Incidiu ademais en que "seguimos aí", malia a que algúns pensen que están «morridos» por seren «transparentes» para os medios de comunicación. "Pero seguimos vivindo, seguimos estando por aquí e seguimos cantando", incidiu antes de bromear sobre os seus contactos previos con Vilalba, cando facía "unha paradiña para comprar un queixo de San Simón, tomar un café no Roca e ver a estatua de Manuel Fraga encima dunha caixa de froita".

Nun acto na casa da cultura, presentado polo mestre David Otero e que concluiría con música e cunha posterior comida de irmandade no Carrizo de Santaballa, Pilocha e Mero foron os encargados de definir aos protagonistas.

"Si se calla el cantor calla la vida". Pilocha fixo súas as verbas de Horacio Guarany para salientar a relevancia de "dous amigos, dous mestres de xograr mestría... dúas persoas con maiúsculas que levan toda a vida facendo país", aos que definiu coma "cantores libres e comprometidos" e
"guerrilleiros da melodía", agradecéndolles "o agasallarnos coa mellor das vosas artes, a vosa voz".

En similares termos se expresou un emocionado Mero, salientando a súa "loita pola dignidade" e advertíndoos de que o feito de recibir esta "sublime distinción" os fai adquirir "a obriga de amar sen límite" porque "ser chairego é sentir antes que nada".

Pola súa banda, o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, lembrou que foi Fiz Vergara, no belén de Begonte, o que iniciou hai máis dun cuarto de século o camiño dos chairegos de honra, dos que estes dous novos socios da tribo fan os números 26 e 27, ou viceversa.

Comentarios