'Cantando as corenta', un "feito único na música galega" polos 40 agostos de Pardiñas

Na noite do 4 de agosto, unha banda de once integrantes e diversos convidados ofrecerán un concertos exlcusivo con fitos da historia do festival guitiricense

Presentación do concerto 'Cantando as corenta' na Casa das Palabras de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Presentación do concerto 'Cantando as corenta' na Casa das Palabras de Guitiriz. C.PÉREZ

O Festival de Pardiñas chega á súa cuadraxésima edición, 40 agostos da Feira e Festa da Música e da Arte que todos aqueles que teñen unha querenza especial pola cita promovida pola asociación cultural Xermolos queren celebrar de maneira especial. Nacía así Cantando as corenta, un espectáculo creado en exclusiva para a cita guitiricense que será, en palabras de Xurxo Souto, un "feito único na música galega".

O saxofonista coruñés Richi Casás, que actuou no festival cos Papaqueixos, dirixe unha banda de once instrumentistas que levan meses traballando para ofrecer tres horas de repaso dos fitos da historia do festival o domingo 4 de agosto, ás 21.00 horas.

Nacho López, guitarra e voz de Jarbanzo Negro; María Prado,trompeta da Banda Xangai; Álvaro Trillo, batería de Dios Ke te Crew; Olivier Cano, saxo e frauta de Tres Trebóns; Mangüi Martín, baixo, e Xurxo Souto, voz, dos Diplomáticos de Monte Alto; e Xan Xove, gaita e percusión, e Antón Díaz, baixo e voz, dos Papaqueixos, compoñen esta singular formación, que contará con solistas convidados como Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, Pepe Vaamonde, Kevin Weatherhill ou Xosé Manuel Pereiro.

Non faltará a representación local coa banda de Guitiriz, a coral e Bloquinho de Xermolos, ademáis de aproveitar a ocasión para homenaxear, coa interpretación dunha peza composta para el, ao "luthier das portas abertas" Sito Carracedo, inventor do peitoque.

O convite esténdese a todos os aqueles danzantes que queiran provocar unha "apoteose" e facer valer o que Xurxo Souto definiu coma a metamorfose do campo da festa de Pardiñas, o paso "do pogo ao punto", é dicir, "do baile incontrolado a base de choutos e empurróns á marabilla dos puntos de muiñeira que cada vez campan máis sobre a herba do festival".

A Casa das Palabras de Guitiriz acolleu a presentación deste Pardiñazo, unha singular conmemoración que, como dixo Souto, "non se podería facer a base de diñeiro, só de amizade", na que se recolle a evolución daquela merenda á que facían alusión os primeiros convites de Pardiñas ata ser un "dos maiores referentes da cultura galega contemporánea".

E iso foi posible grazas á "forza e enerxía" de moita xente voluntaria á que quixo lembrar Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, arroupado no acto por Sito Carracedo, Xosé Manuel Pereiro, Pepe Vaamonde e, no que foi o seu primeiro acto público oficial, a nova alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a nova concelleira de cultura, Ainara Pérez.

Comentarios