O 'Cancioneiro de Ribeira de Piquín' recupera a tradición da montaña lucense

Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García asinan esta obra, que publica Canela, para que "o legado cultural, lingüístico e literario desa área fose mellor coñecido e valorizado"
Os irmáns Xosé Manuel e Álvaro Seivane, coa obra. GAITAS SEIVANE
photo_camera Os irmáns Xosé Manuel e Álvaro Seivane, coa obra publicada por Canela. GAITAS SEIVANE

A Editorial Canela vén de publicar o libro Cancioneiro da Ribeira de Piquín. Unha aproximación á poesía tradicional da montaña lucense, do que son autores Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García Rodríguez e que xa se pode atopar tanto no catálogo da súa web coma nas librarías.

A obra, que forma parte da colección de tradición oral, compila máis de 200 cantares tradicionais recollidos no concello ribeirego ou en zonas próximas, tanto de xeito directo, en conversas e entrevistas coa veciñanza, como co labor de investigación e de documentación en arquivos e cancioneiros.

A recollida fíxose tanto de xeito directo, en conversas e entrvista, como a través da investigación en arquivos e cancioneiros

Tal e como sinalan dende Canela, música, etnografía e literatura fúndense neste libro, cuxo xermolo se atopa no traballo previo realizado por Sánchez Rei para darlle forma á obra, tamén publicada pola editorial, sobre o mestre Xosé Seivane, "probablemente o máis recoñecido construtor de gaitas de todos os tempos".

Daquela, atopouse con numerosas poesías e melodías populares de transmisión oral que acabaron por dar pé a esta obra, grazas ao apoio de Pablo Quintana, responsable de Canela, para que así quedasen recollidas e non se perdesen no tempo. A solución foi elaborar outra publicación e contribuír así a que "o legado cultural, lingüístico e literario desa área fose mellor coñecido e valorizado", tal e como se recolle na introdución do volume.

Portada. VICENTE ANSOLA
Portada. VICENTE ANSOLA

Ao longo de máis de cen páxinas e a maiores da recompilación de composicións tradicionais, na publicación dáse conta dos motivos da obra, dos criterios seguidos na edición, da significación social das cantigas tradicionais, do seu valor dende o punto de vista estético, onomástico, etnográfico e histórico, e tamén da lingua.

E é que, como destaca a editorial, a poesía e a música orais ofrecen "unha viaxe ao pasado para obtermos información sobre a economía, a historia social, os medios de produción, as relacións sociais e afectivas, a chegada de innovacións, o ciclo da vida, etc."

A publicación inclúe un mapa actualizado de Ribeira de Piquín, elaborado especificamente para esta

O Cancioneiro da Ribeira de Piquín conta na portada cunha foto de Vicente Ansola e complétase cun mapa despregable do municipio, "elaborado especificamente para o libro logo dun intenso traballo de campo para que fose o máis actualizado e exacto posible", precisan dende Canela.

No capítulo de agradecementos, ademais do propio Pablo Quintana, os autores destacan as contribucións a esta obra dos irmáns Álvaro e Xosé Manuel Seivane, dos gaiteiros Pepe Vaamonde e Bruno Villamor e das persoas informantes.

Comentarios