O recuncho de Mónica Méndez

Caneiro de San Xiao de Mos: un recuncho de paz e felicidade

O lugar marcou a infancia, e sobre todo os veráns, das persoas que se criaron ou tiveron lazos con Mos
O río Miño no Caneiro de San Xiao de Mos. FILME FOTOGRAFÍA.
photo_camera O río Miño no Caneiro de San Xiao de Mos. FILME FOTOGRAFÍA.
Localización
Dende Castro de Rei, hai que coller a estrada LU-P-1611 e seguila toda en liña recta, pasando Xustás e tamén o centro de San Xiao de Mos, ata atoparse co río e coa ponte que o atravesa. Dende aí, só hai que andar uns metros ata o caneiro.
Natureza
O río Miño é a xoia da coroa dun paisaxe cheo de vexetación e natureza, que lle dá unha cor verde á beira do río. Non só se pode ver, senón tamén escoitar, poñendo a atención no son da auga e das follas das árbores.
Pesca
É a actividade por excelencia no caneiro e nos seus arredores, e foino dende sempre, xa que un caneiro está, entre outras cousas, pensado tamén para os pescadores. De feito, nel hai zonas para que poidan salvagardarse e descansar.
Ponte onde o Lea se une ao Miño e empeza o caneiro. FILME FOTOGRAFÍA.
Ponte onde o Lea se une ao Miño e empeza o caneiro. FILME FOTOGRAFÍA.

A infancia de Mónica Méndez inunda a súa memoria cando oe falar do Caneiro de San Xiao de Mos, o lugar da súa aldea natal que máis a marcou durante a súa infancia e adolescencia ao ser o epicentro da súa diversión. É o sitio no que a castrexa xogaba e pasaba as tardes na idade na que o maior dos problemas era aburrirse, un problema que se arranxaba facilmente indo ao caneiro.

"Os recordos que teño no caneiro son todos de felicidade. Era o sitio onde pasabamos as tardes e os veráns, onde xogabamos e nos xuntabamos sempre e onde teño as mellores lembranzas da infancia e da adolescencia" explica Mónica, que fala con agarimo dun lugar de sona no concello de Castro de Rei onde se pode estar en contacto co río Miño.

A castrexa conta como comezou a ir ao caneiro de San Xiao "coa miña familia, que viña dende Madrid pasar tempo á aldea, e despois cos veciños, que nun sitio tan pequeno acaban sendo todos amigos teus", o que facía que este fose o "lugar de reunión cando era unha nena, e non tan nena", o que fai que "lle teña tanto cariño a este sitio". 

"Atabamos cordas á beira do río para saltalo, corriamos e brincabamos polo caneiro, faciamos tendas de campaña co que atopabamos, e mil cousas máis", lembra Mónica sobre as actividades que argallaban de nenos para facer do caneiro de San Xiao o seu patio de xogos, á vez que, sen darse de conta, o ían interiorizando como unha parte importante da súa historia.

A castrexa recorda con moita emotividade "toda a parroquia, xa que foi onde nacín e me criei, gardando todas as lembranzas e aprendizaxes con moito orgullo e felicidade cara a este sitio".

Historicamente, o caneiro de San Xiao foi "un sitio moi dado á pesca, xa que moita xente ía alí a practical. Eu teño lembranzas de familiares meus indo alí coa caña" ao pasar por el o río Miño, e tendo preto a desembocadura do río Lea, onde a Ponte Vilar.

Actualmente, Mónica bota en falta que coiden algo máis a zona e fala da posibilidade de que se converta nunha área recreativa, un proxecto que xa se contemplou, e que ela espera "que se acabe facendo, xa que así dignificaríase un lugar moi bonito para pasear ou visitar".

Comentarios