Cando o colexio é un museo

Por primeira vez os tres centros de primaria das Pontes colaboran nun proxecto común que convertiu os corredores en grandes pinacotecas e salas de exposicións cheas de cor.

photo_camera Escolares da Madalena mostran o seu museo e os seus traballo sbre Klee. C.ARIAS

Entrar estes días en calquera dos colexios ponteses é un paseo entre arte, ilusión e cor. Por primeira vez os tres centros de primaria das Pontes —A Fraga, Santa María e A Madalena— participan nun proxecto común que converteu os corredores dos colexios en grandes pinacotecas e os espazos comúns en xigantescas salas de exposición que cobran vida propia.

Klee, Kandisnky, Velázquez, Miró ou Mondrian saltaron das paredes para envolver toda a comunidade educativa nun proxecto que chega á súa fin coas visitas dos alumnos, artistas, guías ou convidados especiais, segundo o día. 

"A principios de xaneiro saíu este imprevisto excepcional, como o chamamos, porque é difícil saber se o proxecto chegou a nós ou nós ao proxecto. Os colexios estaban traballando todos a arte cando a directora de Santa María atopou a convocatoria dun proxecto de innovación lingüística en galego. E aí empezou", explica Olalla Carballido, a coordinadora do proxecto intercentros EscolArte, que indica que se puxeron en contacto cos outros centros e en pouco tempo crearon un equipo multidisciplinar de dez persoas, aínda que no proxecto se embarcou "o 100% do claustro". 

                               EscolArte arrancou coa creación de cada un dos museos, cos autores que cada clase elixiu, e creou un especie de rede artística entre os centros. Con SocializArte promovéronse intercambios comunicativos entre os escolares, xa fose co método máis tradicional, a carta, ou co máis moderno, con videoconferencias por Skype. 

"Foi un éxito total, cunha participación do 80% e todos os nosos traballos ímolos colgando no blog escolarteaspontes.blogspot.com. Tivemos que aprender todos de informática, xa que ademais as obras, como nun museo real, teñen información con códigos QR", explica Olalla, que asegura que o obxectivo desa actividade era que fixesen invitacións aos escolares dos outros colexios para que visitasen os seus museos. E a semana pasada, a estrea das rutas guiadas polos museos (CulturizArte), foi outro éxito. 

                               "Os nenos quedaron encantados", comenta a coordinadora do proxecto, que fala da importancia de cambiar de contexto, de lugar e de escenario con "visitas entre iguais". "Estaban tan emocionados os que facían de guías como os que escoitaban", valora, e aínda que recoñece que o tempo se bota un pouco enriba agora a finais de curso, indica que ata o 21 de xuño se poden concretar visitas. 

"A idea é continuar coa cooperación intercentros o curso que vén para crear espazos motivantes para a aprendizaxe e para dar a oportunidade de facer voar das clases as fortalezas dos máis pequenos respondendo a necesidades lingüísticas ou a outras como a diversidade", explica Olalla, que subliña que un dos obxectivos deste proxecto, promovido dende os Equipos de Dinamización Lingüística, é impulsar o galego na comunidade escolar e gozar da cultura galega. 

CIFRAS E PROGRAMAS. O programa conta cunha coordinadora principal de dez persoas e unha coordinadora por centro —María Novo, na Fraga; María Teba López-Leitón, en Santa María, e María Núñez, na Madalena—, pero en total 65 mestras e mestres participan neste proxecto artístico, que involucra a 720 alumnos de educación infantil e primaria, con 143 alumnos en Santa María, 182 na Fraga e 395 na Madalena. 

E o programa, pese a que segue unhas liñas comúns en todos os centros, tivo as súas propias accións en cada un. Ademais, transcedeu máis alá das actividades previstas e profesores e alumnos involucráronse coa arte no Día das Letras Galegas, no Entroido ou noutras datas sinaladas que se celebran todos os anos. 

UN PASEO POLOS MUSEOS. O museo de Santa María naceu como Liliarte, con traballos de pintores nacionais e internacionais e algún autor galego en Galiarte. 

Pódense ver exposicións de Leandro Lamas, Vincent Van Gogh, Joan Miró, Vasili Kandinsky e Pablo Picasso, Paul Klee, Diego Velázquez, Piet Mondrian e Romero Britto. E tamén tiveron colaboracións coa asociación Artpó. 

No Museo da Madalena os corredores e os espazos comúns tamén se encheron con obras de Kandinsky, Klee, Miró, Leandro Lamas ou Picasso e sumáronse outros artistas como Alexander Calder, René Magritte, Yayoi Kusama, Keith Haring, Diego Rivero, Andy Warhol, Teresa Irisarria ou Juan Gris, Jorge Peteiro, Luis Caruncho, María Antonia Dans e Manuel Colmeiro. Algúns traballáronse con especialistas de Pedagoxía Terapéutica ou de Audición e Linguaxe e outros fixéronse en inglés. 

No Museo da Fraga coincidiron cos outros centros con Van Gogh, Miró, Picasso, Kandinsky ou Mondrian, pero incluíron como novidades a Frida Kahlo, Maruja Mallo, Gaudí e viaxaron tamén ao pasado a través da arte rupestre das covas de Altamira. Estes días o obxectivo é completar o programa con algunha actividade dun artista local e están facendo un telexornal edición especial Museo da Fraga, que se subirá no blog de EscolArte para compartir con todos os centros e con todos aqueles que queiran achegarse ao arte a través dos ollos dos escolares. 

O día 21, a gran festa no lago 
O día 21 será o broche final con LembrArte e unha gran festa no lago. Comezará ás 10.00 horas e incluirá unha masterclass de baile con Picariños e unha merenda. Tamén haberá animación musical con No Cómbaro e algunha agrupación tradicional máis. Para recordar esta primeira Xornada Intercentros colocarase unha placa conmemorativa, feita por Sonia Sueiro, a carón dunha moreira. No proxecto e na festa colaboraron as anpas e as direccións dos tres centros, Gabeiras e a coordinadora dos equipos de dinamización lingüística na Coruña, Pura Galán.

Comentarios