viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Cando a natureza é a mellor aula

Os nenos debuxaron con follas o volcán da Palma preto do balneario de Guitiriz.
Os nenos debuxaron con follas o volcán da Palma preto do balneario de Guitiriz.
A guitiricense Minerva Varela dirixe un plan educativo ao aire libre para poñer en valor o contorno

Descubrir o que nos rodea, escoitar o que a natureza nos trasmite e fomentar a sensibilización ambiental son a mellor defensa do noso patrimonio, e así o sentiu a guitiricense Minerva Varela, quen puxo en marcha un innovador proxecto educativo ao aire libre para dar a coñecer o seu concello. "Isto é moito máis que aprender xogando, é realmente un proxecto de vida", defende esta educadora infantil.

Varela explica que Aventúrate na Natureza xorde dunha "necesidade". "Tras vivir na cidade algún tempo sentín que era o momento de apostar por ese rural desvalorizado e propúxenme facer algo para poñelo en valor", di. E que mellor para inculcar este respecto polo medio ambiente que comezar desde a infancia? Así, esta emprendedora decidiu sacar as aulas á rúa: "Considero fundamental poder levar os nenos a ter unha comunicación directa coa natureza porque ao tempo que aprenden cousas novas van descubrindo de onde veñen e toda a riqueza que a hai ao seu carón".

Deste xeito, aínda que en xullo levou a cabo un proxecto piloto, Aventúrate na Natureza botou a andar o pasado mes de outubro. Todos os luns, de 16.00 a 18.00 horas, os máis pequenos teñen unha cita na Casa Habanera, de onde saen de excursión para abrir os ollos a un novo mundo da man dos recursos naturais.

Ata o de agora os cativos descubriron a granxa ecolóxica Bertolos (Friol), usaron as follas como lenzos para debuxar preto do balneario de Guitiriz, alucinaron coas lendas e xogaron a ser feirantes de 1901 na Carballeira de Parga, participaron nun taller de pigmentación natural a través dos alimentos e quedaron impresionados coas vistas do mirador da Cova da Serpe. Neste mes de decembro tócalle o turno á cociña cun obradoiro de produtos do Nadal e xa en xaneiro desenvolverase un roteiro literario na Ruta da Auga.

Arte, patrimonio, cultura, toponimia, contacto cos animais... "A finalidade é que os pequenos coñezan a través do xogo a súa procedencia e que lles entren ganas de coidar o seu contorno. Eles están encantados, alucinan con todo e están moi motivados. Cada día é un reto porque descobren cousas novas e implican ademais ás súas familias", di Minerva.

A moza recalca que Guitiriz é o mellor sitio onde se pode levar a cabo esta iniciativa: «Este pobo conta con moitos recursos, con infinidade de rutas, pasa o Camiño de Santiago, alberga unha fauna e unha flora moi amplas e a nivel patrimonial é infinita a súa riqueza. Por iso me pareceu o sitio ideal desenvolver o proxecto» .

E aínda que a programación se ofrece como actividade extraescolar para nenos e nenas de oito a 14 anos, a guitiricense ten en mente ampliala a todos os rangos de idade para que o xerme deste proxecto de vida siga medrando.

Cando a natureza é a mellor aula
Comentarios