Recunchos a descubrir

Campo da Igrexa de Muimenta: natureza senlleira que garda a memoria

A antiga escola e e o vello templo parroquial, localizado nun emblemático espazo que conta cun conxunto de árbores catalogadas, foron restaurados para preservar a historia local 
Campo da Igrexa de Muimenta. C.PÉREZ
photo_camera Campo da Igrexa de Muimenta. C.PÉREZ
O lugar
Atópase en Muimenta ao pé da LU-120, que une Vilalba e Meira, entre os puntos quilométricos 18 e 19.
Literatura
No Campo da Igrexa expóñense poemas de Xosé Otero Canto, Aquilino Iglesia Alvariño, Anxo Lamas, Darío Xohán Cabana e Xosé Crecente Vega, dedicados á escola, á infancia ou ao freixo da igrexa.
Convenio
A través dun acordo asinado o 3 de febreiro de 2012, o bispado mindoniense cedeulle a Xotramu o uso da escola e da igrexa vellas, con fins culturais, recreativos e sociais, por un período de 50 anos.

Interior da Igrexa Vella de Muimenta. C.PÉREZ
Interior da Igrexa Vella de Muimenta. C.PÉREZ

Muimenta ten dúas igrexas: a vella e a nova. A nova ergueuse no canto de restaurar a vella, ata que un bo número de veciños, coordinados por Xotramu, decidiron que deixar caer a antiga estrutura non era unha opción. Hai máis dunha década, a entidade e moitos voluntarios comezaban un proxecto de recuperación que hoxe é un referente e un lugar de visita obrigado.

As pedras da Igrexa Vella de Santa Mariña convertéronse en gardiás da memoria. Ao compoñente relixioso que perdura nos confesionarios ou no altar maior sumáronse o etnográfico e o popular, cunha mostra de xogos tradicionais, imaxes dos diferentes encontros promovidos por Xotramu nos últimos anos —as últimas edicións, no propio Campo da Igrexa— e un espazo, o Museo das Zocas, dedicado ao que foi un dos grandes oficios da parroquia.

Museo das Zocas de Muimenta. C.PÉREZ
Museo das Zocas de Muimenta. C.PÉREZ

Un obradoiro de emprego impulsado polo Concello restauraba a Escola Vella, que logo se dotou de contido e hoxe permite viaxar no tempo á época na que os escolares da volta enchían os pupitres.

E custodiando o conxunto, a memoria educativa, relixiosa, pedagóxica e etnográfica que convive no Campo da Igrexa, érguense cinco árbores senlleiras, catro carballos e un freixo enraizados na historia de Muimenta.

Interior da Escola Vella de Muimenta. C.PÉREZ
Interior da Escola Vella de Muimenta. C.PÉREZ

Comentarios