Estar coma na casa dun, pero sen ter que preocuparse por nada, atendido as 24 horas e sempre acompañado, mantendo ademais os vínculos coa comunidade. Ese é o obxectivo que persegue o Centro de Atención a Persoas Maiores (CAM) Santa María de Meira para os 30 usuarios para os que ten capacidade —as prazas poderían ampliarse ata 38—.
Neste primeiro mes de funcionamento xa entrou a primeira ducia de residentes, todos meiregos. Coma Rosa e Otilia, que se fundían nun emotivo abrazo nada máis atoparse, pois había moitos anos que non se vían. O seu é só un exemplo das sensacións compartidas por esta nova familia da que tamén forman parte Manolín, Julio, Sergio, Luis, Inés, Paco, Obdulia, Manuel, Ernesto e Pepe.
"Temos matrimonios, irmáns, xente con vínculos familiares, algúns estanse reencontrando aquí con antigos compañeiros... ás familias ver que hai caras coñecidas dálles tranquilidade", explica a directora do CAM, a psicóloga Tania Ares, que comanda un equipo de 19 persoas que serán 25 cando se completen as prazas, con xerocultores, persoal de cociña, lavandería e limpeza, administración, enfermería e fisoterapia, terapia ocupacional e un traballador social.
Tania destaca tamén a boa situación das instalacións, integradas no pobo, o que permite que os usuarios poidan saír, pasear, ir ao centro de saúde ou ao bar de sempre... "A idea é que a xente continúe co seu proxecto de vida, aínda que cambie o lugar de residencia, e para iso é importante que manteñan os vínculos cos seus lugares de referencia", resume Tania, que fala xa de futuros proxectos, coma crear un horto, destacando ademais que se aposta por abastecer a residencia no comercio local.
O almorzo, o xantar e a cea, petiscos a media mañá e a media tarde; un repaso das noticias para comezar a xornada xunto con actividades cognitivas ou de psicomotricidade, e tardes de lecer con obradoiros, conversas ou a tradicional partida conforman a axenda diaria da nova residencia de maiores de Meira, a sétima da rede da Deputación de Lugo.
O ente provincial investiu dous millóns de euros no proxecto, aos que se suman 200.000 do Concello, que tamén cedeu unha finca de 3.312 metros cadrados, na que se ergue un edificio de 734 que conta con tres andares. O centro, tal e como explican dende a Deputación, inclúe servizos non obrigatorios por normativa pero que se consideran fundamentais, como terapia ocupacional, enfermería, fisioterapia ou traballo social, "amosando que o modelo está pensado para acadar un alto grao de calidade prestacional por e para as persoas", conclúen.