"Calquera membro pode aportar para a mellora do grupo"

Despois de desenvolver traballos como asesor ou empresario agrario, José Antonio López Sierra substitúe a Fe Legaspi como presidente do GDR Terra Chá. O grupo conta nesta anualidade con 742.260,40 euros para a subvención de varios proxectos públicos e privados.
José Antonio López Sierra. D.CENDÁN
photo_camera José Antonio López Sierra. D.CENDÁN

Un cambio na presidencia do GDR Terra Chá levou a José Antonio López Sierra a asentarse como a máxima autoridade da organización e a encabezala nun novo ano onde o obxectivo segue sendo darlle soporte ao maior número de proxectos que o soliciten.

Como foros os seus inicios no GDR Terra Chá?
A miña vida profesional sempre estivo relacionada co desenvolvemento rural, ben como asesor ou como empresario agrario, non é estraño que participe en asociacións que pretendan manter e dinamizar no posible os contornos rurais. Así, en 2017 entrei na xunta directiva como tesoureiro, participando activamente no traballo normal do grupo.

E a súa chegada á presidencia?
Tralo remate do mandato da anterior presidenta, consideraron que eu podería ser a persoa adecuada para o cargo. Aínda sendo eu o presidente, calquera membro pode achegar o que estime para mellorar o funcionamento do grupo.

Que responsabilidades asume como presidente?
A máis importante é a de dar o soporte necesario para que o grupo poida seguir prestando asesoramento e apoio a todas as entidades existentes e novas que pretendan desenvolver algún proxecto na comarca, así como axudarlles no posible ás entidades locais. 

Como traballa o GDR Terra Chá?
O grupo conta con persoal propio que se encarga do traballo diario e da tramitación dos expedientes de solicitude de axudas que se realizan por parte de empresas e particulares, ademais conta con colaboradores externos na realización de labores de divulgación e formación así como outras actividades. Tamén contamos coa colaboración dos concellos para organización de eventos e mesmo na cesión de infraestruturas e medios.

Como se xestionan as axudas que chegan e como se reparten?
Cada un dos grupos de desenvolvemento rural ten asignada unha cantidade por anualidade que destinará para gastos de funcionamento e animación do propio grupo e para apoio a proxectos. A cantidade destinada a esta anualidade (2023-2024) para proxectos é de 742.260,40 euros e distribúese nun 71% para os produtivos, un 20% para proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas e un 9% para os promovidos por entidades privadas.

Como se procede coas solicitudes que chegan ao GDR?
As entidades que desexen concorrer realizarán unha solicitude ao GDR utilizando a plataforma da sede electrónica da Xunta de Galicia, posteriormente estas solicitudes serán tramitadas e baremadas e pasarán a un proceso de estudo que permitirá determinar as solicitudes que serán finalmente aprobadas en función dos fondos disponibles.

Na última asemblea modificáronse os estatutos, a que se debeu e que modificacións se fixeron?
As modificacións realizáronse por imperativo legal para poder continuar existindo como grupo de desenvolvemento e para mellorar o traballo material, así como a comunicación entre os membros. Foron adaptacións para poder facer uso de novas tecnoloxías, dixitalizando ao máximo posible o traballo normal de todo o grupo.

Tamén é membro da Fundación Blas de Carboeiro, que cometidos ten nesta entidade?
Son o representante autorizado da fundación, que foi creada co ánimo de promover a sostibilidade das actividades e servizos e conservar o patrimonio cultural e paisaxístico da comarca, levando a cabo actividades formativas ou de divulgación cultural, e elaborando guías e catálogos temáticos.

Comentarios