Cabreiros mira ao pasado para axudar construír o futuro

As Xornadas Interxeracionais Rurais celebran 20 anos de "dignificación e dinamización do medio rural"
Participantes na sesión inaugural das XX Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros. C.PÉREZ
photo_camera Participantes na sesión inaugural das XX Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros. C.PÉREZ

 "20 anos son 20 anos", dixo Suso Rodríguez, de Xermade, docente e representante da USC dende sempre nas Xornadas Interxacionais Rurais de Cabreiros. E no día no que a casa escola da parroquia festexaba as Letras Galegas, unha afirmación tan evidente énchese de significado para quen queira entendela.

Inauguración das xornadas. C.PÉREZ
Inauguración das xornadas. C.PÉREZ

Son 20 anos "achegando o noso gran de area á dignificación e a dinamización do medio rural galego", afirmaba, lembrando terlle escoitado aos veciños dicir que, para eles, as sesións das xornadas (este ano teñen continuidade os días 1, 8 e 14), nas que se leva falado un pouco de todo e dende as que se impulsaron publicacións, documentais ou premios coma o Xermade na Historia, eran "uns dos días máis grandes". 

Por iso, e malia que recoñeceu que fora "difícil", para esta vixésima edición deseñaron un "programón" que comezaba coa inauguración oficial e as verbas de seis homes. "A ver se para o ano hai unha muller nesta mesa", dicía o bibliotecario Marcos Saavedra na súa intervención, na que recoñecía o "gran mérito" da iniciativa, da que neste último ano xurdiu un club de lectura en Cabreiros, cuxos integrantes, xunto a veciños, leron textos de Luísa Villalta.

Público na casa escola de Cabreiros. C.PÉREZ
Público na casa escola de Cabreiros. C.PÉREZ

"Aquí haberá sentada unha muller da Deputación", recollía o guante o deputado provincial Carlos López, sorprendido pola "emotividade" dunha proposta que proba que "o rural ten futuro", sempre que as institucións se involucren, e polo traballo realizado para conectar xeracións. 

Uns lazos hoxe máis fortes grazas á colaboración do Ceip de Xermade. O seu director, Rubén López Eiras, acudiu cos alumnos de sexto Sara, Victoria, Icía, Andrea e Ismael, que representaron  O atasco logo de que a vicedecana de Ciencias da Educación, María López Sández, falase de Luísa Villalta, a sexta muller á que se lle dedica o 17 de maio.

Alumnado de sexto que representou unha obra. C.PÉREZ
Alumnado de sexto que representou unha obra. C.PÉREZ

Marta, Ana, Martín, Silvia, Laura e Montse compartiron impresións sobre este vixésimo aniversario, que non sería posible sen dous piares básicos: o Concello, cuxo alcalde, Roberto García, incidiu no labor de conservación da memoria realizado neste tempo, e a asociación veciñal de Cabreiros. O seu presidente, un emocionado Xosé Manuel Felpeto, falou de "resiliencia" para probar, cantas veces sexa necesario, que "o rural non está morto: ten futuro". 

Comentarios