viernes. 25.06.2021 |
El tiempo
viernes. 25.06.2021
El tiempo

Cabreiros condensa nun libro 15 anos das Xornadas Interxeracionais Rurais

Autoridades, promotores e colaboradores das Xornadas INterxeracionais Rurais de Cabreiros, na antiga escola da parroquia. M. MANCEBO
Autoridades, promotores e colaboradores das Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, onte na antiga escola da parroquia.
A "grande obra", que foi presentada onte na antiga escola coa presenza de moitos dos que participaron nesta cita "referente", ofrece unha visión poliédrica dun traballo "conxunto"

Hoxe é un día histórico para Cabreiros ou cando menos importante ou significativo". Así resumiu Xesús Rodríguez, unha das pezas clave das Xornadas Interxeracionais Rurais, a presentación ante o público do libro Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria. Olladas e recursos interxeracionais no rural, unha escolma coa que os seus promotores buscaron resumir e condensar tres lustros de traballo "conxunto e colaborativo" nunha publicación que ten "moitas lecturas".

O acto, que coincidiu coa primeira sesión destas xornadas recuperadas logo dun ano de parón pola pandemia –só do evento en si, xa que os seus promotores estiveron centrados na elaboración desta obra, que tal e como recordou o presidente da asociación veciñal e outra das pezas imprescindibles deste proxecto, José Manuel Felpeto, é un exemplar máis desa "cultura de encerro"–, contou coa presenza de moitas das persoas que ao longo destes anos participaron dun xeito ou outro nunha cita "referente".

A todas elas quixo dedicar Felpeto este libro: "É unha débeda para aqueles profesionais, colectivos e veciños que fixeron posible isto", dixo, cifrándoos en "máis de 300". Ademais, recalcou que a publicación busca tamén animar ás administracións a seguir apoiando iniciativas como esta que poñen en valor "a cultura e o patrimonio", entre outros moitos elementos.

A terceira peza deste crebacabezas perfecto, a pedagoga Manuela Vilaboy, foi a encargada de exercer de condutora dun acto ao que tamén asistiron varias autoridades, entre elas o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que mostrou o compromiso total do ente provincial con estas xornadas que axudan a "divulgar o noso patrimonio, a nosa forma de ser, o noso acervo cultural presentándoo como algo valioso para os máis novos", afirmou, poñendo de manifesto que son tamén "unha proba de que no rural se poden xerar iniciativas de interese académico", en relación ao vínculo estreito destas xornadas coa Universidade de Santiago a través da figura de Xesús Rodríguez.

O rexedor, Roberto García, -entre o público estaban tamén presentes o anterior alcalde, Tomás Rodríguez, e o voceiro do PP, Antonio Riveira, que foron os que apoiaron estas xornadas no ano 2005- quixo poñer o acento na "gran bagaxe" dun evento que axudou e axudará a "recompilar moita da historia e do patrimonio do noso concello", polo que pediu "seguir traballando arreo" entre todos para poder continuar con este labor "moitos anos máis".

Durante o acto, que se emitiu por streaming a través da canle de Youtube da asociación para que máis xente puidese seguilo xa que había que cumprir coas restricións de aforo polo covid-19, tamén interviron os prologuistas do libro.

PRÓLOGO. A través dun vídeo, falou Mariano Sánchez, director da Cátedra de Estudios Intergeneracionales da Universidad de Granada, quen aludiu ao proxecto como "el milagro de Cabreiros". "Sois un referente en el trabajo intergeneracional en el ámbito rural", dixo, trasmitindo a súa "felicitación y admiración" e desexando que siga "diez o 100 años más".

Presencialmente, tamén trasladou a "súa honra" por poder intervir Antón Costa, catedrático de Historia da Educación da USC, quen cualificou o libro como unha "grande obra poliédrica" e o proxecto das xornadas como unha "factoría de memoria, saberes, cultura e dignididade".

Cabreiros condensa nun libro 15 anos das Xornadas Interxeracionais...
Comentarios