Cabreiros acollerá humor e maxia na Invernada de Cine

A novena edición da cita celebrarase durante seis sábados á tarde
Oswaldo Digón. LORENZINHO FOTOGRAFÍA
photo_camera Oswaldo Digón. LORENZINHO FOTOGRAFÍA

A asociación de veciños de Cabreiros, en Xermade, e o departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC impulsan coa colaboración do Concello, a Deputación e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia unha nova Invernada de Cine que, este ano, se centrará "na risa para deixar atrás este tempo de pandemia".

A novena edición desta cita, xa asentada no programa cultural de Xermade, arrancará este sábado, día 23, e prolongarase durante seis sábados á tarde ata o 18 de decembro. Todas as actividades serán na escola ás 18.30 horas.

Sonia Méndez dará o pistoletazo de saída este sábado con "A poeta analfabeta", un documental que quere dar a coñecer a figura de Luz Fandiño, "poeta compostelá, nacionalista e feminista que se viu na obriga de emigrar na época franquista, pero que retornou" e Isabel Risco, continuará o 6 de novembro coa produción teatral Bravas, que fala "sobre mulleres sen medo, que forman parte dun valeroso clan".

A programación continuará o sábado 13 de novembro co documental "Negro púrpura", da produtora Illa Bufarda, que fala dun fungo alucinóxeno que une as pragas medievais galegas e a medicina popular coa Cía.

O 20 de novembro será a quenda da literatura coa presentación de "Otra educación con cine, literatura y canciones", de Jaume Carbonell e Jaume Martínez, un ensaio que fala da infancia e da xuventude dentro e fóra da escola. A presentación apoiarase na proxección da película "Buda explotó por vergüenza", dirixida por Hana Makhmalbaf.

O 4 de decembro o monologuista Oswaldo Digón achegará a Cabreiros o humor e a retranca e o 18 Álex Louzao fará un espectáculo de maxia e ilusión moi especial.

"A Invernada empezou como un experimento, a base de pedir favores e uns orzamentos de risa, pero foi medrando e os estamentos públicos están a apoiarnos. Agora podemos facer máis xornadas e cun nivel que é todo un luxo", di Xosé Manuel Felpeto, o presidente da asociación veciñal.

Comentarios