Cabaret a dúo no século XXI

A actriz Cristina Mariño e o pianista Marcos Maoxu fusionan saberes nunha "peza cabareteira" cun toque humorístico e "gamberro", un espectáculo que busca a interacción co público co obxectivo de non deixar a ninguén indiferente

Cristina Mariño e Marcos Maoxu en 'Que foi da nenatoura...?'. JUANPA AMENEIROS
photo_camera Mariño e Maoxu en 'Que foi da nenatoura...?'. JUANPA AMENEIROS

Gardadiño cun caixón, a actriz Cristina Mariño tiña o monólogo O labirinto da nenatoura, un texto que presentara no festival de artes escénicas Fóra do Mapa de Ferrol en 2016. Ata que xurdiu a pregunta Que foi na nenatoura...?. A resposta ofrécea nos escenarios en compañía do músico Marcos Maoxu e do seu piano.

"O proxecto foi unha catarse para min como actriz, un percorrido persoal polos meus intereses e inquedanzas como artista", lembra Cristina sobre as orixes dunha proposta escénica evolucionada ao entrar en xogo a música. "Sempre tiven fantasías artísticas con Marcos Maoxu, coñecíao polo seu traballo en Moondogs e colaborara connosco na Escola de Teatro de Vilalba (Mariño dirixiuna durante varios cursos) e pensaba que podería xurdir algo, ademais toda a vida quixen facer un espectáculo con pianista", precisa a actriz.

A nenatoura é unha personaxe fantástica que busca reflectir tanto as vergoñas e rarezas humanas coma os momentos marabillosos

Ao principio, pensou en idear un proxecto dende cero, pero finalmente foi a nenatoura a que pediu seguir contando a súa historia. "É a mesma pero está noutro punto, medrou, agora é a nenatoura cabareteira", asegura a artista, que se mete na pel dunha personaxe que reflicte as vergoñas, manías ou rarezas humanas, pero tamén os momentos marabillosos.

Cristina, que coma tantas outras veces na súa traxectoria contou co apoio de Carlos Castrillón Doce na dramaturxia, alude á nenatoura coma "unha personaxe fantástica, unha vida fabulada, pero que entra no que todos temos en común". E, aínda que o espectáculo conta con "referencias de todos os tempos" e non vai dirixido a un grupo de idade ou xeración determinada, aclara que "todos estamos marcados pola nosa, no pasado e no presente".

"La obra tiene un punto nocturno, gamberro y sentimental", apunta Marcos Maoxu, profesor de música no IES Basanta Silva de Vilalba e parte fundamental de diversos traballos artísticos e musicais, que non dubidou en apuntarse a este novo proxecto polo seu grande interese en "mezclar la música con otras cosas".

E así, entre os dous, danlle forma a "unha viaxe cómica e musical" que bebe do cabaret clásico pero con aires do século XXI, na que Mariño canta e fala e Maoxu canta e toca.

A obra estreouse con éxito en dúas funcións en Ferrol e os seus protagonistas xa manteñen contactos para volver poñela en escena en breve

A nenatoura xa se someteu á proba do público en Ferrol, en dúas funcións que lles deixaron bo sabor de boca aos seus protagonistas. "Tivo boa acollida, hai un momento no que se pide colaboración e a reacción foi moi boa", conta Cristina, puntualizando que xa foron varios espectadores os que lles falaron das emocións que lles esperta a peza. "Chorei...", "rin a cachón..." son algunas das opinións que recabaron, acadando o que é o seu principal obxectivo, crear "unha conexión" co público, provocar unha reacción e que así a xente se meta de cheo no percorrido vital da nenatoura.

"Encantaríanos que chegase ao máximo de lugares posibles e non descartamos facer unha versión en castelán para presentala fóra de Galicia, porque todos levamos unha nenatoura dentro", conclúe Cristina, mentres Maoxu lembra que Juanpa Aneiros Multimedia lles fixo un teaser para promocionar a obra e que xa teñen contactos para novas funcións.

Comentarios