Cabalos salvaxes, ben a preservar

Un estudo da UDC no marco do proxecto europeo Life Grazelife urxe a intervención das administracións para adoptar medidas que permitan manter viva a tradición besteira galega
Cabalos na Serra do Xistral. LAURA LAGOS
photo_camera Cabalos na Serra do Xistral. LAURA LAGOS

"Nós non nos damos de conta da súa singularidade, pero non hai outras áreas onde haxa estas grandes poboacións de herbívoros salvaxes que viven no monte todo o ano, é un legado cultural único, de gran conexión coa historia de Galicia, a paisaxe rural e os valores naturais", defende Jaime Fagúndez, investigador principal do proxecto Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socioeconómico e beneficios ambientais, cuxo traballo de campo se centrou na Serra do Xistral luguesa, nomeadamente nos montes de Abadín ou Muras, e na pontevedresa Serra da Groba.

Este estudo, desenvolvido pola Universidade da Coruña (UDC) no marco do proxecto Life Grazelife da Unión Europea, posto en marcha en oito países co obxectivo de promover a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, presentábase onte nunha xornada virtual que contou coa participación de máis de 500 persoas dun total de 38 países.

"Todos escoitaron falar dos cabalos en Galicia», destaca Fagúndez como un paso importante para dar a coñecer a singularidade dun sistema que se mantén vixente principalmente grazas á transmisión de xeración en xeración, aos vínculos emocionais e ao desexo de preservar a tradición. E ese é outro dos fins deste proxecto, que proximamente se poderá consultar online no servizo de publicacións da UDC -dispoñible en inglés, galego e castelán-: "Gustaríanos que lles servise aos besteiros para que vexan recoñecido o seu traballo e o labor que fan polo ben da sociedade", apunta o profesor, defendendo a necesidade de "salvagardar este tesouro para as xeracións futuras".

Fagúndez, xunto a Laura Lagos, José Antonio Cortés e Flávia Canastra, iniciaba en 2019 esta investigación que os levou a facer unha vintena de entrevistas, entre O Xistral e A Groba, para coñecer a realidade social, cultural e histórica que rodea aos cabalos salvaxes, completándoas con sendas reunións grupais -en Abadín e en Baiona-, que axudarían tamén a definir as principais problemáticas e os retos á volta das bestas do monte, conxugando opinións de investigadores, ONG, besteiros, gandeiros, propietarios de terreos, sector forestal ou sector turístico.

A isto sumouse un intenso traballo de campo para documentar as áreas de estudo, seleccionadas por representar a diversidade climática e paisaxística, así como as formas de manexo e as características dos propios besteiros. Así, no Xistral, onde predominan os queirogais e as turbeiras, a gandería segue a ser un motor económico, polo que existe unha maior profesionalización -estímase que na zona de estudo hai uns 600 cabalos de monte en montes veciñais-, mais a presenza do lobo é unha grande ameaza para a súa supervivencia -no estudo fálase de que as perdas de poldros poden acadar o 80%-.

Maila as diferenzas -na Groba os besteiros non están profesionalizados e non hai lobos, pero a ameaza forestal é maior-, nas dúas zonas se chegou a conclusións similares: as bestas "deixaron de ser un ben prezado" ao perder boa parte das súas funcións, polo que o beneficio monetario é mínimo, mais os besteiros "desexan continuar con esta actividade", se ben dependen "dun contexto administrativo e económico onde poder facelo".

CONCLUSIÓNS. O estudo alerta do "alto risco de desaparición" do ecosistema tradicional dos cabalos salvaxes e polo tanto dos beneficios que estes reportan. Vense como un elemento "clave" para a xestión do monte que require poucos coidados, contribúe a mellorar os pastos para o gando vacún e permite un desbroce natural e económico, que á súa vez reduce o risco de incendios, ademais de preservar a biodiversidade.

Para corrixir esta tendencia, úrxese a implicación das administracións, cuxa intervención se ve imprescindible para poñer en marcha as diversas solucións que tamén se propoñen no estudo.

Entre estas figuran acollerse á opción que permite a normativa de empregar formas alternativas á identificación con microchip; aplicar maiores medidas, como fomentar os peches perimetrais, para evitar os accidentes de tráfico; ou establecer un pago fixo pola presenza do lobo no canto de compensar os ataques, xa que só se certifican unha parte deles.

Tamén se propón limitar a explotación forestal nos territorios de tradición besteira, modular o sistema de axudas da PAC, reducir a burocracia á que deben facer fronte os gandeiros ou fomentar o turismo de natureza asociado aos cabalos.

Comentarios