O son do aire enchendo o fol, as ferreñas soando mentres se moven ao ritmo da man que impacta na pel, as baquetas petando no tambor... Estímulos que, acompasados, fan que entren polos nosos oídos as melodías tradicionais da nosa terra, a música galega.
Noutros casos, tamén unen xente e crean amizades e mesmo familias, como foi o caso de Buxos Verdes, a asociación vilalbesa que naceu da paixón pola música e polo baile rexional dun grupo de amigas, e que xa cumpre 20 anos, nos que medraron e se fixeron un oco na cultura vilalbesa.
Buxos Verdes constituiuse como asociación independente no ano 2020
"Buxos Verdes naceu pola iniciativa dun grupo de rapazas ás que nos gustaba moito a música tradicional, co que en 2001 decidimos crealo, formando parte do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha)", apunta Teresa Burgo, unha das fundadoras e actual presidenta da asociación.
Á súa vez explica que nos inicios constituíron "unha escola de baile, gaita e percusión, que se mantén activa dende aquela", onde se formaron os integrantes de Buxos Verdes durante todo o seu percorrido.

Destes inicios tamén fala Ricardo García, o profesor da escola durante todo o camiño da asociación: "Eu xa coñecía ás fundadoras, xa lles dera clase en Entre Lusco e Fusco", comenta o mestre, que empezou a impartir clase de música tradicional moi novo, con 17 anos.
"Un día estaba de cháchara con elas e contáranme que crearan a agrupación e explicáranme todo, e ao final, tamén algo por amizade, acabei sendo o profesor", explica o viveirés sobre como comezou a súa vinculación coa asociación, hai xa 18 anos.

Ademais, Ricardo apunta que "ao principio de todo eran elas mesmas as que daban as clases, xa que sabían tocar e tiñan experiencia", sendo as fundadoras as que se encargaron dos labores de ensinanza ata que conseguiron mestre.
"Nos inicios a maior dificultade era que había moitas asociacións e nós eramos a máis pequeniña, co que había alumnos que marchaban para outras que participaban na liga de bandas ou noutros eventos", engade Ricardo, que explica que en cambio agora a agrupación está "nun dos seus mellores momentos en canto a xente".

Teresa Burgo conta que ao principio comezaron indo a actos organizados polo Iescha e tamén aos do concello, así como ás festas patronais de San Ramón e Santa María, ás que nunca fallan. Ademais, o grupo comezou a saír e a facer amizade con outras bandas, o que supuxo máis actuacións en eventos aos que eran invitados, creando unha rede de amizades con máis grupos de música tradicional.
En 2020, en plena pandemia, pasaron a ser unha asociación cultural propia e a non estar dentro do Iescha, cos que seguen "colaborando e mantendo a boa relación", apunta Teresa Burgo.

"Co tempo fomos medrando, nunha liña continuísta tendo a música tradicional por bandeira, e agora contamos con 30 ou 40 alumnos por ano", prosegue Teresa, que fala da "gran familia buxaina" que crearon ao longo da súa existencia como grupo.
E iso que a pandemia foi todo un reto para a asociación, que se tivo que reinventar. Co parón polo confinamento, que levou a que se cancelasen as clases e as actuación, o grupo fixo "ensaios telemáticos para seguir practicando e para non perder o ritmo", explica Teresa, que admite que "non foi fácil debido ao retardo das videochamadas, que facía que fose complexo ir todos ao mesmo ritmo".

A pandemia precedeu ao que foi o boom da asociación en canto a actuacións, xa que "á volta había moitas ganas de tocar e de actuar, e ademais dende aquela é cando máis citas nos están saíndo".
Agora, cun núcleo asentado de persoas e nun ano moi bo en canto a actuacións, Buxos Verdes conmemorou o seu 20 aniversario o pasado sábado, nun momento no que, como admite a presidenta, "temos que rexeitar actuacións xa que non damos atendido todas as chamadas, a pesar de que nos gustaría, como non".
As súas clases contan con entre 30 e 40 persoas e teñen moitas actuacións
Sobre o futuro, a Buxos Verdes gustaríalle "organizar obradoiros con mestres de renome e facer actividades deste estilo, pensando no futuro próximo", explica Teresa, que ve estas actividades como unha vía de crecemento despois de implementalas na celebración do pasado sábado.
Os 20 anos de Buxos Verdes son o reflexo dunha asociación feita pola ilusión pola música tradicional e polo baile, así como pola amizade e polas xuntanzas. É por iso que tanto Teresa como Ricardo admiten estar inmensamente contentos e sobre todo moi orgullosos de chegar a esta cifra e de facelo desta forma.

Non estiveron sós. Nesta cita acompañáronos, nunha sesión foliadeira, varios grupos amigos como son Cerna de Árbol, Arume de Burela, Mestura de Nete e as Pandereteiras de Andrade, ademais do propio grupo, que tamén tocou e gozou da festa. Isto serviu, ademais de para gozar do que máis lles gusta, para facer partícipes a outros grupos amigos, que tamén formaron parte da celebración deste xeito.
Moita música. No acto tamén houbo dous concertos, unha sesión vermú, de Troupelear, e outro para pechar o evento, da man de Tiruleque. Gozaron ademais dunha comida todos xuntos e dun aperitivo.
Obradoiros. Ese mesmo día pola mañá tamén impartiron tres obradoiros no auditorio municipal, todos eles de balde. Un centrouse no canto e no pandeiro, da man de Branca Villares; outro foi de baile, impartido por Serxio Cobos; e houbo un terceiro de afinación e de ornamentación de gaita galega, con Sabela Olivares.