Na busca do Melenas en Guitiriz

A Aula Cemit acolleu unha xincana tecnolóxica na que nenos e adultos, en parellas, puxeron a proba as súas habilidades
Participantes no reto do circuíto de drons. D.CENDÁN
photo_camera Participantes no reto do circuíto de drons. D.CENDÁN

O Melenas anda solto. O rei da selva fixo varias paradas en Guitiriz, pero ninguén sabe onde nin como atopalo. E é necesario facelo. Para isto, non houbo máis solucións que poñerse mans á obra e descubrir as pistas que axudasen a dar cos sitios que visitou dentro do concello. E que mellor que facelo coa tecnoloxía, unha ferramenta útil e á vez, na súa vertente máis moderna, descoñecida, sobre todo á hora de aprender a empregala.

Drons, impresoras 3D, placas de microbits... Poden soar a inaccesibles ou mesmo complexos, pero nada máis lonxe da realidade, sempre que sexa con supervisión e a nivel usuario. Foi por iso que a Aula Cemit e a biblioteca pública municipal do Concello de Guitiriz promoveron unha xincana tecnolóxica chamada Buscando ao rei, na que hai que descubrir os sitios nos que estivo o Melenas mediante maña e enxeño, coa axuda da tecnoloxía.

Unha actividade nunca antes feita no municipio, pero que naceu a raíz de moitas outras celebradas con anterioridade que potencian o uso das tecnoloxías e ensinan como usalas da mellor maneira.

"Vendo anteriores propostas que funcionaron, buscamos darlle uso ás tecnoloxías coas que contamos e que á vez puidesen facelo persoas de distintas idades, unha premisa que temos moi en conta durante todo o ano", apunta Ana Pérez, responsable da Aula Cemit e da biblioteca pública municipal Casa Habanera.

Así, a xincana xuntou 18 parellas nas que un dos integrantes tiña que ser menor, de entre sete e doce anos, e o outro un adulto con competencias dixitais básicas. "Estamos contentos coa participación e coas parellas que viñeron. Tivemos unha formada por un neno de oito anos coa súa avoa, de 81, algo que reflicte moi ben a intención inicial de mesturar xente de todas as idades", apunta Ana.

Unha Unha das probas da xincana tecnolóxica. D.CENDÁN
Unha das probas da xincana tecnolóxica. D.CENDÁN

"O tema do león xurdiu porque tiñamos que buscar unha trama para que a xincana tivese un propósito final, e eliximos que fose este animal e a súa desaparición, e que a través dos xogos o atopen. E como se atopou? Pois foi a través do Google Maps, cunha foto dun león en certos lugares coñecidos do noso concello como a fonte de Valdobín, La Casilla ou a Casa Habanera", conta a responsable, contenta co resultado desta actividade.

Antes de chegar a esa última proba co Google Maps, os participantes tiveron que pasar tres retos: un manexando un dron nun circuíto para conseguir unha figura de papiroflexia cun código, coa impresora 3D tiñan que deseñar un agasallo para darlle ao Melenas e coa placa de microbits debían programar para conseguir outra pista, que tiñan que desencriptar cunha táboa de conversión.

Todo isto dunha maneira non competitiva, co único obxectivo de ir resolvendo os retos en parella á vez que aprendían e o pasaban ben.  Como incentivo, dous sorteos. O primeiro, dunha videoconsola retro, e o segundo, dun xogo de mesa, dúas cousas lúdicas e relacionadas coas actividades que promoven a Aula Cemit e a biblioteca.

Na última quenda, o pasado xoves pola tarde, catro equipos —tres parellas e un trío— superaron as tres probas, que xeraron moitas risas, e tamén concentración, xa que aínda que fose un xogo non había ninguén disposto a facelo mal. E todas tiveron éxito, aínda que na proba dos drons houbo algún que outro accidente ao superar os obstáculos.

Sofía, despois de superar a proba, valorábaa así: "Me pareció bastante difícil, pero a la vez entretenido. Nunca había manejado un dron y es muy interesante, repetiría para ver si le cojo más el truco". Acompañándoa, Janet, moi orgullosa da pequena, apuntaba que o reto foi ben, e que "deberían hacer más actividades así, en la que padres e hijos compartan tiempo y aprendan juntos", mostrándose moi satisfeita.

Indicacións para deseñar coa impresora 3D. D.CENDÁN
Indicacións para deseñar coa impresora 3D. D.CENDÁN

Traballar coa impresora 3D tamén foi unha tarefa que fixo que os participantes o desen todo, tendo que espremer os miolos para sacar a súa vea máis creativa e facer agasallos que lle poidesen gustar ao Melenas.

Aquí, os pequenos tomaron as rendas da situación e fixeron figuras como camións, dinosauros ou elefantes. Nuno, acompañado pola súa nai, Noelia, creou un boneco, na que era a súa "primeira vez" deseñando co ordenador, unha actividade que "repetiría máis veces" e coa que o pasou "moi ben".

Nesta última quenda tamén estivo o concelleiro de Cultura, Ramón Rivas, que destacou "a importancia destas actividades interxeracionais nas que os máis pequenos coñecen as parroquias e os lugares do seu concello". Ana, ademais, adianta que, despois de ver que esta iniciativa "funcionou ben", xa pensa en "poder facer máis cousas deste estilo".

Comentarios