As brochadas contra o maltrato de Alba Blanco

A estudante xermadesa de Belas Artes e Psicoloxía, Alba Blanco, expón na súa vila natal unha selección de oito pinturas sobre a violencia de xénero

Alba Blanco, na exposición en Xermade. MARTA MANCEBO
photo_camera Alba Blanco, na exposición en Xermade. MARTA MANCEBO

A moza Alba Blanco Pardo, de 21 anos e natural de Xermade, mostra por primeira vez ao público unha parte do seu traballo pictórico nunha exposición que vén de inaugurarse na biblioteca municipal da localidade chairega e que xira en torno á violencia de xénero.

Esta estudante de Belas Artes e Psicoloxía —está formándose en Valencia, aínda que este ano está participando nun intercambio en Pontevedra— falou coa educadora familiar do concello, Manuela Vilaboy, sobre un dos proxectos no que traballara na facultade.

"Comenteille que tivera que facer un traballo final para unha das asignaturas. Quería facer algo de crítica social e finalmente decanteime polo tema do maltrato", explica Alba, á que acto seguido lle propuxeron expoñelo coincidindo coa conmemoración do 25-N. Unha oferta que non puido rexeitar.

"Pareceume ben mostralo, é un tema que lamentablemente está á orde do día", indica a moza, mentres dá algunha brochadas sobre o seu traballo pictórico, que poderá visitarse toda esta semana en Xermade.

A mostra encádrase no programa de actos que promoven dende o concello para conmemorar o 25-N e que inclúe tamén unha andaina

"Son oito cadros para os que empreguei unha técnica mixta de óleo e acrílico. A exposición componse de retratos e de imaxes doutras partes do corpo da muller", indica Alba, facendo fincapé en que o tratan de reflectir é «a dor» sufrida polas protagonistas dos seus lenzos.

"Non necesita moita explicación, os que tiveron ocasión de vela xa me transmitiron que expresa á perfección esa dor", reflexiona a artista, quen cre que esta é unha «boa oportunidade» para darse a coñecer.

Pese a todo, Alba, que rematará o próximo curso a carreira de Belas Artes, aínda non ten claro cal será o seu camiño profesional. "Ao verme forzada a pintar perdín un pouco o gusto, véxoo máis como un pasatempo, pero non descarto facer un máster relacionado co artístico a nivel de xestión", explica, mentres tamén continúa ampliando coñecementos en psicoloxía.

A mostra desta estudante xermadesa non é a única actividade programada polo concello polo 25-N. O vindeiro domingo 25, ás 16.00, promoverase unha andaina, "unha actividade en comunidade para rexeitar a violencia", e para a que é necesario anotarse con antelación.

Comentarios