sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Brianda por unha vida de Xustiza Social e Servizos Sociais

Servizo de Axuda no Fogar (SAF). PIXABAY
Servizo de Axuda no Fogar (SAF). PIXABAY
Traballadora social

SS.SS. Sabes o que significa?: Servizos Sociais. Sabes onde están? Sabes o que fan?

Nestes 15 anos da nosa historia comarcal, estas siglas pasaron de ser unha incógnita a ser algo coñecido e valorado, aínda que se escribiramos SOS tal vez entenderiamos mellor o que implican. 

Tes un pai maior que vive só e precisa de atención? SOS, Servizos Sociais, axuda no fogar. Es unha muller que estás farta de ser maltratada e morta de medo? SOS, Servizos Sociais, atención á muller. Sodes pais traballadores cun neno pequeno e sen apoio de familia extensa? SOS, Servizos Sociais, escola infantil. 

Todos eses SOS deben ter unha resposta, unha saída, un camiño, incluso un milagre. Eses SOS recóllenos os Servizos Sociais dos concellos e pasan polas mans, cabezas e corazóns de profesionais, que deben moverse nun sistema, a miúdo, excesivamente burocratizado, cheo de prazos e de protocolos administrativos para que aconteza a maxia, mais non dispoñen de variñas máxicas e incluso para algúns veciños/as, esas profesionais, a maioría delas mulleres, van enriba dunha vasoira. 

As conquistas da xustiza social acadáronse a base de tesón, formación, traballo constante e resiliencia, a pé de rúa, a golpe de teléfono, de visitas nos domicilios das persoas, de coordinacións co colexio, co centro de saúde, de acompañamentos coa garda civil, a base de ser catalizadores das demandas da xente e espellos e voz dos habitantes da nosa terra, mulleres gandeiras, coidadoras, anciáns sós ou poboación xove con falta de oportunidades laborais, e tamén, a base de moitas horas de falta de sono roubadas ás vidas persoais e familiares.

Pero os Servizos Sociais teñen cara, normalmente de muller, ás veces procedentes tamén de historias de vida complexas coma a de Brianda que é traballadora social nun concello de 5.000 habitantes, deses que saen nos medios de comunicación resaltando o seu despoboamento e nos que se aprecia como nas súas aldeas hai cada vez menos nenos e máis vellos. No seu traballo diario xestiona unha escola infantil municipal, un centro de día, e todos os programas e servizos vinculados ao ámbito da dependencia, vivenda, muller, igualdade, infancia, xuventude, inmigración e emerxencias sociais e mailo traballo administrativo que todo esto implica.

A evolución dos Servizos Sociais na nosa comarca vese reflectida na vida de Brianda. Os seus SOS foron atendidos, primeiro por un sistema no que aínda pesaba a herdanza da caridade, moitas veces xestionada por entidades relixiosas, para máis tarde ver marcada a súa biografía, pola atención recibida dende uns Servizos Sociais que medraron nunha democracia e que lle ensinaron iso da igualdade, da empatía, da escoita activa e da humanidade para, como ela sempre dí, poder colaborar a sementar máis xustiza social no mundo.

Brianda por unha vida de Xustiza Social e Servizos Sociais
Comentarios