lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Botan a andar as novas Ari de Castro de Rei e Guitiriz

Encastras do antigo campo da feira de Castro de Rei, que o Concello quere acondicionar cos fondos para actuacións públicas da Ari. EP
Encastras do antigo campo da feira de Castro de Rei, que o Concello quere acondicionar cos fondos para actuacións públicas da Ari. EP
Os concellos recibiron senllas axudas de 150.000 euros para pór en funcionamento os primeiros plans de rehabilitación, que xa contan con veciños interesados

Hai interese en acollerse ás futuras axudas das novas Ari (Área de Rehabilitación Integral) de Guitiriz e de Castro de Rei, tal e como constatan dende ambos concellos, onde xa recibiron consultas de ao redor dunha quincena de veciños en cada caso para facer melloras en inmobles incluídos dentro de ambas zonas de actuación.

Os dous concellos recibirán a mesma contía, que ascende a 151.000 euros, cofinanciados pola administración autonómica e a estatal —o Goberno achega 121.00 euros e a Xunta, 31.000—, a través da sinatura do seu primeiro convenio. Estes fondos repartiranse entre as solicitudes de subvención que prosperen pesentadas por aqueles titulares de construcións nestas áreas de actuación. En Castro de Rei, a Ari conta con 13 hectáreas nas que hai case 90 inmobles e abrangue o casco antigo da capitalidade municipal.

A de Guitiriz ten a particularidade de que é unha Ari rural, que inclúe dez núcleos das parroquias dos Vilares e do Buriz nos que hai máis de 90 edificacións.

Un dos primeiros pasos a dar polos concellos para a tramitación destas axudas será a creación dunha oficina de rehabilitación. En Castro de Rei xa está posta en marcha, na propia casa do concello, cunha persoa asignada a xornada completa, cuxo labor complementa a arquitecta municipal, que cubre unha parte do seu horario laboral nesta. En Guitiriz están agardando á sinatura do convenio para a súa creación, polo que de momento é o departamento de urbanismo o que se encarga de atender as consultas veciñais que se producen sobre este tema.

Un dos primeiros pasos a dar polos concellos para a tramitación destas axudas será a creación dunha oficina de rehabilitación

A maiores das obras de iniciativa privada, os concellos que contan cunha Ari poden impulsar no marco desta actuacións de mellora de espazos públicos. E aínda que polo momento non teñen pechadas as propostas, ambos rexedores teñen claro por onde lles gustaría comezar as súas intervencións.

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, detalla que a súa prioridade é acondicionar a muralla de Castro de Rei e as antigas encastras, ademais de pavimentar a Rúa Amigos da Feira. Pola súa banda, a guitiricense Marisol Morandeira avanza que o seu obxectivo é restaurar os vellos alpendres da feira das Reixas e mellorar o contorno da igrexa de San Vicenzo, nos Vilares, e a escola da Ventisca, no Buriz.

Estas dúas Ari de nova creación sumáronse na Chaira á do casco antigo de Vilalba, que leva dúas décadas operativa, favorecendo máis de 200 proxectos.

O Concello non concurriu nesta ocasión ao reparto de fondos para as Ari, ao ter aínda orzamento dispoñible do último convenio. De feito, prevé en breve abrir o prazo para que os veciños poidan presentar novas solicitudes.

Botan a andar as novas Ari de Castro de Rei e Guitiriz
Comentarios