Bonecos con gancho

As mans do artesán pastoricnse Alejandro García son as que lle dan forma ás orixinais creacións de Amigurumis Jano en la 

Jano García, na Feira de Artesanía de Vilalba. C.PÉREZ
photo_camera Jano García, na Feira de Artesanía de Vilalba. C.PÉREZ

O pastoricense Alejandro García Lourés medrou na súa casa de Crecente observando como súa nai  lle daba forma a diferentes creacións de gancho. Un día decidiu probar e aqueles puchos ou  pulseiras iniciais deron paso a traballos máis complicados e a definición dun estilo propio que hai uns anos o levou a obter a carta de artesán e a pór en marcha Amigurumis Jano.

"En internet atopei patróns de debuxos animados e empecei a facer as miñas versións e a ter figuras propias a partir doutros bonecos, así fun sacando deseños creados por min", explica Jano, que precisa que o segredo está en "facer e desfacer ata que atopas a forma perfecta", porque sobre todo, cando se trata de figuras humanas, que sexan proporcionadas resulta fundamental.

As hábiles mans transforman a la en todo tipo de animais, personaxes manga, superheroes,  protagonistas de series de televisión ou de películas, músicos... e tamén figuras personalizadas. Porque unha das especialidades de Jano é crear bonecos de xente real, usualmente a partir dunha  foto. Por exemplo, fixo un bombeiro, un tuno, futbolistas coa camiseta do equipo favorito e o seu nome e ata un neno nadador sobre unha plataforma de salto.

"Os detalles son moi importantes para que se recoñezan no boneco", explica, precisando que non só fixo figuras humanas, senón que se pode facer "calquera cousa que se che ocorra", iso si, cunha marxe de tempo duns catro días, para poder concretar o deseño e a súa elaboración.

Jano recrea personaxes de ficción, músicos ou animais e realiza por encarga deseños personalizados 

E é que cada figura ten un tempo estimado de fabricación de seis a oito horas, se ben é habitual que Jano non elabore de seguido, senón que un día faga pernas, outro brazos, outro cabezas, para logo compoñer unhas pezas cuxos prezos oscilan dos cinco euros que pode custar un chaveiro aos arredor de 30 dos bonecos máis grandes. 

Amigurumis Jano ten presenza constante nas feiras, tentando que sexan só de artesanía, ou nos festivais musicais, onde hai moita demanda. Ten citas ineludibles, coma o San Froilán ou o Festival de Pardiñas, e vai tentando expandir fronteiras. Xa pasou por Xixón ou Villafranca e ata polo Viña Rock de Albacete, unha experiencia positiva malia que o mal tempo non colaborase á hora de  expoñer.

"Tes que adecuar a oferta que levas ao público de cada sitio", indica, se ben aí hai deseños que teñen o éxito asegurado: Yosi de Los Suaves, o protagonista de ‘Breaking Bad’, O Apalpador, os polbos ou as figuras galegas son só algunhas delas.